Equipamento: Salón Teatro
Salón Teatro
Situado no casco histórico de Santiago de Compostela, o novo Salón Teatro foi inaugurado en 1999. Culminaba así unha intervención arquitectónica que permitiu recuperar para a escena galega este espazo de 1920 despois de dúas décadas sen representacións.
A primeira reconstrución do inmoble foi promovida en 1919 pola Liga da Mutua de Señoras de Santiago. O proxecto seríalle encargado a Jesús López Rego, un dos principais arquitectos modernistas de Santiago. Cun aforamento de máis de 500 localidades, forma de anfiteatro, un escenario reducido e unha sala dividida en dous andares -o patio de butacas e un primeiro andar de palcos e xeral-, o recinto foi inaugurado o 30 de outubro de 1920.
Na súa orixe, ideouse como sala de eventos e espectáculos para os socios desta Liga. Uns anos despois, o edificio foi vendido a Acción Católica, e xa na década dos trinta pasou a mans da Empresa Fraga, que o destinou principalmente á exhibición cinematográfica. En 1949 a Comisaría de Padroado Artístico reformou a fachada para darlle un aspecto máis digno e nobre. O arquitecto Pons Sorolla encargouse de retocar a súa imaxe externa, practicamente inalterada ata 1996, ano no que o inmoble foi adquirido pola Xunta de Galicia.
O estudo de arquitectura Baltar, Bartolomé e Almuíña deseñou a última remodelación do Salón Teatro, desenvolvida entre 1998 e 1999. Así, mentres que no exterior a reforma limitouse ás carpinterías das fiestras, á cor e a un novo deseño nas portas, ao despacho de billetes e a carteleira, no interior a transformación foi completa.
O soto emprégase agora como espazo de servizos xerais e comúns do teatro, ademais de como acceso e vía de evacuación da escena. Na primeira cruxía, trala fachada que se abre á Rúa Nova, establecéronse os accesos, os vestíbulos e os espazos de relación. No espazo central disponse a pratea e a tribuna do público, que reducen o seu aforo a 272 espectadores para dar paso a un escenario máis amplo e ben dotado de servizos escénicos. O control de luz e de son efectúase dende unha ampla galería que, ademais, se relaciona cunha viga técnica que atravesa o sector público. Baixo cuberta, no último andar, sitúanse as oficinas do Centro Dramático Galego.
A pedra e a madeira son os dous materiais dominantes na resolución interior. A pedra como transición dende a rúa, pavimentada con granito, segue no interior, onde vai acollendo a madeira por adecuación acústica e por confortabilidade.
Xestionado pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Agadic, o teatro abriu de novo as súas portas o 29 de outubro de 1999 co gallo da estrea do espectáculo Si o vello Simbad volvese ás illas..., de Álvaro Cunqueiro, a cargo do Centro Dramático Galego. Dende entón, como sede do CDG, o Salón Teatro acolle a exhibición en Santiago de todas as producións da compañía pública, ademais dun programa aberto ás distintas disciplinas escénicas.
Titularidade e xestión
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Agadic.
Servizos
- Gardarroupa
 - Billeteira informatizada
 - Sala de reunións
 - Oficinas
 
Acceso
Prezo variable. Estabécense descontos para nenos, estudantes e pensionistas.
Aforo
199 localidades en platea e 73 en tribuna.
Superficie en metros cadrados
570,72 -edificio-
Medidas do escenario
- Boca: 8,37 metros
 - Ancho: 12 a 13,50 metros
 - Fondo: 9,30 a 8,50 metros
 - Alto telar: 11,70 metros
 
Watios
- Principal: 148,75 kw
 - Emerxencia: 17 kw
 
Equipamento de iluminación
- Mesa de control: ETC Express 48/96 de 192 canais, 2 saídas DMX 512
 - Dimmers: 108 canais de regulación de 2.5kw 230v
 - Focos
- 10 Fresnel. Marca Strand. 1000w. Cantata F. Con viseiras e portafiltros
 - 30 PCs. Marca Selecom. 1000w. Halóxena. Con viseiras e portafiltros
 - 16 PAR 64. Marca Teatro. 1000w. Lámpada Nº5 ou Nº1
 - 8 recortes. Marca ETC source four –19º. 750W
 - 8 recortes. Marca ETC source four –26º. 750W
 - 8 recortes. Marca ETC source four –36º. 750W
 - 8 recortes. Marca ETC source four –25/50. 750w
 - 8 Iris e 10 portagobos
 
 
Equipamento de son
- Mesa: Yamaha ga 24/12. 24 canais, 12 buses, entradas balanceadas con XLR, alimenPhanton, equ. 4 bandas, 4 retornos auxiliares estero
 - Reprodutores
- Denon dobre CD profesional
 - 1 Minidisk. Sony. Semi
 
 - Amplificación: 4 Renkkus r-h mod PA80 350w por canle a 4 Ohms
 - Acústica:
- 4 Renkus-Heinz STKF. StK de 200 w/RMS, 80hms, 2x woofers 8", 1 x trompeta de 1"
 - 2 Renkus-heinz Q15. Graves con 2 woofers de 15" e bobina de 3", corte crosso. Er 120Hz. 8 Ohms
 
 - Procesador de sinal: Renkus-heinz Mod SP-22 tipo full-range engastable en etapas PA
 - Monitores:
- 4 FBT LM-30A. Autoamplificado de 150w/RMS, SPL max 123dB, 1 x wofer de 10", 1 x tweeter de 1" con difusor
 - 2 FBT Jolly 3A. Autoamplificado 60W/RMS, SPL max. 114dB. En cabina
 
 - Ecualización:
- 2 stager line meq-231/I. Ecualizador analóxico con xerador ruído rosa
 - 2 musicson q15. Ecualizador gráfico de 2 x 15 bandas de 3/3 oitava
 
 - Microfonía:
- 6 Akg D-770 Dinámico para instrumentos
 - 6 Akg D-880 Dinámico para vocal
 
 - Intercomunicación: 1 espiral mod. EF-100. Estación principal con fonte de alimentación interna. 2 Canais independentes, control de volume e avisadores
 - Megafonía público:
- 1 Ampli. FBT Mod PRO 300 con 300w
 - 3 altofalantes megafonía. Optimus Mod. A228 AT3 9w máx. 70/10.000Hz
 
 - Megafonía camerinos: Igual que a megafonía do público
 
Outros espazos e servizos
- Dous cameríns colectivos no andar -1 con doce postos con aseos con duchas. Dotación completa
 - Dous cameríns colectivos no andar 0 con dous postos con aseos con duchas. Dotación completa
 - Un camerín colectivo no andar 1 con dous postos con aseos con duchas. Dotación completa
 - Cámara negra
 - Tremoia
 - Almacéns
 
Datos de contacto
Dirección: Rúa Nova, 34. 15.705 Santiago de Compostela
Teléfono: 981 581 572
Teléfono: Despacho billetes: 981 584 978
Fax: 981 581 987
e-mail: centro.dramatico.galego@xunta.es
Web: Agadic
Director/a do Centro Dramático Galego
Fax: 981 584 902
Horario de venda de entradas, días de peche e período de vacacións variables.