Patrimonio: COMO SOA O NOSO PATRIMONIO?

COMO SOA O NOSO PATRIMONIO?

Os máis pequenos experimentan coa arte dos órganos históricos en Espazos Sonoros

Por que lle chamamos a ese órgano que aínda resoa ás veces en igrexas e catedrais o rei dos instrumentos? Como funciona? Como é por dentro? Cal é o traballo de organeiro?...  Estas son algunhas das preguntas coas que serán recibidos o vindeiro sábado os nenos e nenas participantes no obradoiro infantil de organería, do ciclo de músicas en lugares de interese cultural Espazos Sonoros....

Ler máis

"O órgano é un instrumento impresionante e fermoso, que chama a atención, especialmente a dos máis cativos", salienta Andrés Díaz, do Equipo de Catalogación dos Órganos de Galicia e colaborador do ciclo Espazos Sonoros. El será o encargado de responder as preguntas dos máis pequenos na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, o vindeiro sábado 20, neste obradoiro de órgano ao que poderán asistir, de balde, con inscrición previa, nenos e nenas de máis de seis anos.

Cabo del, ao longo da tarde, terán a oportunidade de subir á parte superior da igrexa e descubrir o gran tamaño do órgano, "xa que pola súa situación, ás mais das veces, non vemos nin o organista", sinala Díaz. Desde esta localización privilexiada apreciarán de ben preto as súas partes, os tubos da fachada, o fol, o interior da caixa... e incluso poderán tocar algunha tecla, "a ver se, deste xeito, tamén lle tocamos a máis de un a tecla que faga que esteamos ante futuros organistas ou organeiros".

No obradoiro experimentarán cos sons de tubos construídos con madeira e metal e mesmo construirán o seu pequeno tubiño. Deste xeito, preténdese que tamén sexan conscientes do  "incrible labor dos organeiros, xa que se trata dun traballo artesanal", comenta Díaz mentres nos lembra que “o órgano da Igrexa da Universidade consta de entre 700 e 800 tubos feitos todos á man".

A sesión completarase con diferentes xogos ao redor deste instrumento e os seus oficios. O obxectivo? Que os máis novos valoren o patrimonio organístico existente en Galicia, que coñezan e poidan gozar da súa música e, mesmo, se cadra, crear algunha nova afección neles e nelas como intérpretes ou artesáns.

  • Obradoiro infantil de órgano
  • Obradoiro infantil de órgano
  • Obradoiro infantil de órgano
  • Obradoiro infantil de órgano

Comparte