Dinamización: DÍA DA ILUSTRACIÓN 2021

DÍA DA ILUSTRACIÓN 2021

Dedicado a Lolita Díaz Baliño

Día da Ilustración celébrase cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. A protagonista deste ano é Lolita Díaz Baliño (A Coruña, 1925-1963). O Día da Ilustración dedícase por primeira vez neste 2021 a unha muller.

Ler máis

Membro dunha das familias ilustres da cultura galega e tía de Isaac Díaz Pardo, foi unha pioneira. Docente e artista multidisciplinar adiantada ao seu tempo, deixou un prolífico traballo como as portadas para a Editorial #Nós ou as súas ilustracións de mulleres modernas, decididas e elegantes. O seu estilo combinaba o art-decó con temáticas influenciadas polo pensamento rexionalista. Xunto coa pintora Carmen Corredoyra, foi unha das primeiras mulleres en ingresar na Real Academia Galega de Belas Artes en 1938.

A Biblioteca de Galicia tamén quixo sumarse a esta efeméride coa exposición bibliográfica, 'Lolita Díaz Baliño: a discreción imposta' que, mentres non é posible a súa visita presencial, pódese percorrer en formato virtual.

O Día da Ilustración é unha iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).

 

 

  • O ilustrador Manel Cráneo é o autor do cartel Di2021 Manel Cráneo é o autor do cartel Di2021

Comparte