Dinamización: UN NADAL DE CULTURA PARA A XENTE MIÚDA

UN NADAL DE CULTURA PARA A XENTE MIÚDA

Toda a programación para os máis pequenos na túa axenda!

O lecer destas festas vai coa cultura. Tamén para os máis noviños de cada casa. Fronte á postal de patios de escolas baleiros, os centros culturais, bibliotecas e museos abren as súas portas para novas descubertas a través da música, monicreques, obradoiros, teatro, espectáculos... mesmo para os bebés. 

Ler máis

Así, entre a ampla programación para estas festas nas bibliotecas, atoparémonos con sesións de narración oral para pequerrechos de entre cero e tres anos, na Biblioteca Juan Compañel de Vigo; obradoiros artísticos, na da Coruña; ou entretemento a esgalla sen necesidade de palabras cos contos en lingua de signos na Ánxel Casal de Santiago de Compostela.

Obradoiros para todos os museos
Nos museos, obradoiros como os do Museo do Mar de Galicia, nos que se achegarán aos segredos do mundo do mar e da arqueoloxía submarina. Mentres, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a creatividade artística aliarase, unha vez máis, co espertar de conciencias: crear a partir de xoguetes rotos, contos vellos e esas outras cosas que adoitan ir para ao lixo.

O Museo Centro Gaiás tamén reforza as súas actividades de lecer para estas datas e faino coa comedia Al Tum Tum, de Teatre Móbil. Unha programación infantil que se completa cos obradoiros Cine de plastilina e O meu videoclip, e as visitas familiares á exposición Cinegalicia25.

Teatro para rir a fartar
As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, do Centro Dramático Galego segue a encher cada sesión este Nadal. Unha obra divertida e intelixente para estas festas no Salón Teatro de Santiago. Non é a única oferta teatral. A Rede Galega de Teatros ofrece diversas sesións teatrais, como Osiño, de Trompicallo, en Ribadeo, Chíos, para os bebés, en Lugo, ou A casa do avó, de Tanxarina, en Ourense.

E a Rede de dinamización Lingüística programa unha morea de actividades por toda Galicia. A cantar con María Fumaça, con Uxía, Espantallo amigo, dos Quinquilláns, ou Cantigas da estrela, con Magín Blanco, son algunhas das propostas deste Nadal en Rede.

Todas as actividades na Axenda de Cultura
Isto só é un petisco do entretemento, xogo, descubrimento e aprendizaxe na ampla programación deste Nadal. Tédelas todas na vosa axenda para nenoscultura.xunta.es/gl/axenda

Non deixedes de consultala!

 

  • Nadal no Gaiás Nadal no Gaiás
  • Espectáculo As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, do CDG As laranxas máis laranxas de todas as laranxas
  • A cantar con María Fumaça A cantar con María Fumaça
  • Espectáculo contemporáneo de pallasos no Museo Centro Gaiás Al Tun Tun