Dinamización: CELEBRAMOS A CULTURA

CELEBRAMOS A CULTURA

No día no que se cumpren cen anos da aparición das cantigas de Martín Códax, a Cultura Galega celebra os seus premios anuais á excelencia creativa

O serán do 10 de decembro enche o Museo Centro Gaiás de vitalidade creativa. Alí estarán os oito galardoados desta edición nas diversas modalidades dos Premios da Cultura Galega. Música, proxeccións e danza tecerán unha gala de entrega que se espera plena de recoñecemento e emocións.

Ler máis

Neira Vilas, a Galería Trinta, Cándido Pazó, o Festival Ortigueira, a Asociación Galega de Produtoras Independentes, David Mackenzie, o Grupo Marcelo Macías e o Centro PEN Galicia son as persoas e entidades premiadas na edición 2014, que recollerán o seu galardón neste serán representado nunha obra do pintor Antón Pulido.

A voz de Uxía, as imaxes de Lois Patiño e o jazz de Nani García Trío acompañaranos nunha noite atlántica marcada pola efeméride do centenario da aparición do Pergamiño Vindel, un achado que nos facía sabedores, en 1914, dun dos tesouros da nosa cultura: as cantigas de Martín Códax, coa súa notación musical.

Por este motivo, o festexo irá mergullado nas augas do Atlántico e arredor del tamén xirarán as propostas dos artistas emerxentes en formación da Escola Superior de Arte Dramática e do Conservatorio Profesional de Lugo, que mostrarán as súas creacións en escena ao pé dos artistas consagrados.

 

  • Premios da Cultura Galega 2014 Premios da Cultura Galega 2014
  • A música vén da voz de Uxía e do jazz de Nani García Trío A música vén da voz de Uxía e do jazz de Nani García Trio
  • O acto de entrega conta cunha proxección de Lois Patiño O acto de entrega conta cunha proxección de Lois Patiño
  • As artes escénicas emerxentes tamén fían a gala As artes escénicas emerxentes tamén fían a gala

Comparte