Dinamización: ABRE NOVEMBRO CON GALICIA ESCENA PRO

ABRE NOVEMBRO CON GALICIA ESCENA PRO

Unha cita para coñecer (e contratar) o máis novo da escena galega

Tras unha intensa semana dedicada ao negocio musical na gran feira internacional das músicas do mundo, o Womex, e o seu previo Focus Galicia, novembro sobe o pano para o mercado das artes escénicas. Do 3 ao 5 de novembro a capital de Galicia reconvértese no centro de referencia para coñecer e contratar as novas producións de teatro, danza, maxia e novo circo nunha nova edición do Galicia Escena Pro.

Ler máis

Desta volta, o programa comeza ofrecendo ferramentas para situar os espectáculos no mercado: o obradoiro Venderse nun ascensor, con estratexias de proxectos e presentación de modelos de venda. A seguir, na Fundación SGAE Tanxarina presentará a súa nova montaxe A casa do avó. E pola tarde haberá a oportunidade de coñecer os novos espectáculos de Berrobambán e de Talía Teatro, ademais de pequenas doses dos traballos en curso de Antón Coucheiro, Chévere, Aporía Escénica, A Produccións Artísticas, B.B Producións e Cisma Danza.

O espectáculo infantil Ra Ra Ra, de Abrapalabra Creacións Escénicas abre a programación do segundo día, no que hai un espazo importante reservado para os denominados 'showcases', petiscos dos traballos de varios artistas como son Os anos oitenta vistos polo Mago Teto; ReIlusiónArte, do Mago Rafa; Roedores, de Redrum Teatro; Pedro e o lobo, de Fantoches Baj; Gatuxo, de Magín Blanco; e Cocido sinfónico, de Os Tres TENedORES.

A tarde do martes complétase co novo circo de Desperta! de Pistacatro Produtora de soños e a obra Pequenas certezas de Sarabela Teatro. O remate desta xornada corre a cargo do interesante espectáculo de danza Que volvan as flores, de Pisando Ovos.

O terceiro e último día de feira ponse en marcha cunha dupla mostra de espectáculos infantís: a de Trompicallo & Kalina Teatro e A Panadaría, mentres que o broche final é musical, con Talabarte. Mais antes, desenvolverase un necesario encontro de traballo entre os asistentes ao Galicia Escena Pro, ao que segue o espectáculo Bobas & Galegas (Mofa & Befa no Século D’Ouro), de Producións Teatráis Excéntricas.

23 propostas en tres días
Estamos ante tres intensos días con 23 propostas que se poden ver no Salón Teatro, Teatro Principal, Fundación SGAE e Auditorio Abanca. 

En definitivia, Galicia Escena Pro ofrece un interesante e completo programa para favorecer o encontro de xestores, programadores e compañías e valorar en escena as novas propostas das compañías galegas, organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e que se pode consultar polo miúdo aquí: http://www.agadic.info/gfx/Blog/files/Galicia%20Escena%20Pro%202014%20programa.pdf

 

  • Cartel Galicia Escena Pro Cartel Galicia Escena Pro
  • A casa da avoa A casa da avoa
  • Desperta! Desperta!
  • Mofa & Befa Mofa & Befa

Comparte