Dinamización: XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO

XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO

Programación das Letras Galegas 2014

A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2014 ao escritor lugués Xosé María Díaz Castro, autor dunha importante obra poética en lingua galega. Para apoiar o coñecemento e valoración social deste autor e da súa obra, a Xunta de Galicia deseñou un programa de actuacións, en colaboración con diferentes institucións e coa intención de lle outorgar á celebración un carácter transversal que implique o conxunto da sociedade.

Programa de actuacións

- Centenario do nacemento do autor

Ler máis

Xosé María Díaz Castro naceu nos Vilares, en Guitiriz, o 19 de febreiro de 1914. Coincidindo co centenario do seu nacemento, o 19 de febreiro a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, a Asociación Cultural Xermolos, o Concello de Guitiriz, o Centro Pen de Galicia e a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) daranlle inicio ás actividades arredor da vida e da obra deste autor, coa participación conxunta nos actos conmemorativos desta efeméride e coa inauguración en Guitiriz da exposición que percorrerá Galicia ao longo de 2014.

- Edicións conmemorativas

Libro DVD sobre Díaz Castro. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con Galaxia, editará este ano unha completa biografía de Díaz Castro.

Cadernos Ramón Piñeiro. Volume XXIX. Nimbos: cáliz fervendo!, impulsada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Edición institucional conmemorativa da figura de Díaz Castro.

Ao longo deste ano a súa obra Nimbos traducirase ao inglés, éuscaro e ruso. Ademais realizarase unha reedición de Versos guitiricenses en formato banda deseñada.

E para acompañar todas estas actuacións deseñouse un marcapáxinas conmemorativo para o Día do Libro, que inclúe dez poemas de Díaz Castro, e o Calendario Díaz Castro 2014.

- Actuacións de difusión social da obra de Díaz Castro

Exposición itinerante Nimbos de luz. Achegará a vida e a obra do poeta a través de 14 paneis temáticos e do documental 'O instante eterno' (de audición individual), ademais dun folleto de man e dunha selección de manuscritos e obxectos persoais que se mostrarán en vitrina.

Roteiros para coñecer a Díaz Castro. O Museo do Castro de Viladonga, da Xunta de Galicia, organiza, en colaboración co Club Cultural Valle-Inclán, unha viaxe-homenaxe a Díaz Castro o domingo 25 de maio polas terras de Guitiriz e Parga, visitando paisaxes e lugares vinculados ao autor, con lecturas públicas da súa obra e o acompañamento musical de Mini e Mero.

Poesía nos supermercados. No marco da colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e Vegalsa-Eroski na campaña Letras Galegas 2014, a poesía de Díaz Castro chegará aos establecementos da compañía galega de distribución alimentaria no mes de maio.

- Díaz Castro a través do audiovisual

A Xunta de Galicia e a CRTVG colaborarán na difusión audiovisual da vida e da obra de Díaz Castro, con iniciativas como a programación de microespazos animados con poemas de Díaz Castro durante todo o mes de maio ou a emisión de novos documentais. A CRTVG habilitará un sitio web dedicado á difusión da obra do autor homenaxeado.

O CGAI proxectará con motivo do festexo das Letras o documental de Xosé Antón Cascudo 'O instante eterno', sobre a vida e a obra de Díaz Castro, que inclúe imaxes de arquivo desta institución.

O documental Nimbos de poesía porase á disposición da comunidade educativa no web www.xunta.es/linguagalega

- Actos conmemorativos nos concellos de Galicia

A programación de actividades na Rede de Dinamización Lingüística, coordinada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, inclúe este ano a xincana Xosé María Díaz Castro na memoria da xente, que chegará a difrentes concellos de Galicia e está dirixida a escolares de último ciclo de primaria e primeiro de secundaria.

- Actividades no ámbito escolar

Concurso-Exposición Letras Galegas 2014. Convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística arredor de Xosé María Díaz Castro e dirixido a escolares.

Actividades dos equipos de dinamización da lingua galega. Centradas na vida, na obra e na etapa en que viviu o autor homenaxeado, as iniciativas dos equipos iranse poñendo á disposición da comunidade educativa en
www.xunta.es/linguagalega/letras_galegas .

- Letras Galegas nas bibliotecas

As bibliotecas nodais da Secretaría Xeral de Cultura desenvolven un amplo programa de actividades arredor das Letras Galegas.

- Difusión exterior de Díaz de Castro

Actividades nos lectorados de lingua e cultura galegas de universidades de todo o mundo que se poderán consultar en www.xunta.es/linguagalega .

Acto conmemorativo no País Vasco. As Letras Galegas 2014 celebraranse tamén en Urretxu (Euskadi), concello no que residiu Xosé María Díaz Castro durante a súa etapa no País Vasco.

Difusión de materiais fóra de Galicia. A comezos de 2014, distribuíronse nos centros galegos de España calendarios conmemorativos das Letras Galegas.

 

  • Xosé María Díaz Castro
  • Xosé María Díaz Castro
  • Nimbos de Luz
  • Nimbos

Documentos relacionados