Dinamización: BAL Y GAY, COMPOSITOR SINFÓNICO

BAL Y GAY, COMPOSITOR SINFÓNICO

A obra sinfónica completa dunha das principais voces da creación musical galega de todos os tempos

A obra sinfónica completa do compositor galego Bal y Gay chega o día 20 de setembro á Cidade da Cultura de Galicia. Bal y Gay, compositor sinfónico é o tema arredor do cal se congregarán, na Biblioteca de Galicia, algúns dos principais investigadores da obra deste artista galego. O director de orquestra e Premio Nacional de Música José Luis Temes, o director Joám Trillo e o profesor Carlos Villanueva serán os encargados de nos ofrecer a súa perspectiva e análise da obra para orquestra do compositor lucense.

Ler máis

No transcurso desa sesión terá lugar a presentación do disco Jesús Bal y Gay. Obra sinfónica completa que, baixo a batuta de Temes, acaba de ver a luz no selo Verso, nunha coprodución da Orquesta de Córdoba, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Trátase da gravación, por primeira vez, da totalidade das composicións para orquestra, creadas todas elas polo músico lugués Bal y Gay na súa etapa de exilio en México.

Tamén se proxectará nesta sesión un extracto do documental que, a raíz do centenario do nacemento do compositor, produciu en 2006 RTVE baixo a dirección do xornalista galego Manuel Lombao.

Posta en valor dos nosos referentes musicais

A organización desta sinfonía de voces arredor da obra para orquestra de Bal, ademais de presentar a obra sinfónica completa da man do director do proxecto, ten como obxectivos contribuír tamén a un maior coñecemento de Bal y Gay, así como á posta en valor do traballo de recuperación e interpretación dos repertorios dos nosos referentes na arte da música.

Autor de referencia na creación musical galega

Bal y Gay representa unha das principais voces da creación musical galega de todos os tempos. A súa renovación da composición e da investigación, a súa contribución áposta en valor da nosa tradición musical e súa concepción rigorosa e honesta do labor creativo fan do músico lugués, prolífico no exilio mexicano, unha figura de referenciadentro e fóra de Galicia.

Malia a beleza e personalidade da súa obra, Bal y Gay segue a ser aínda un autor musical por descubrir. Nos últimos anos producíronse valiosas achegas, particularmente no contexto do centenario do seu nacemento en 2005, que permitiron afondar na súa vida e na súa obra.

Á disposición dos estudantes

Co fin de poñer a disposición dos estudantes o conxunto da obra sinfónica de Bal y Gay, que, en palabras de Temes, dota a Galicia "dunha voz propia entre as mellores músicas da xeración do 27", a Xunta de Galicia distribuíu exemplares da gravación nos principais centros de estudos musicais de Galicia, así como nos espazos bibliotecarios.

 

Documentos relacionados

Comparte