Axudas, subvencións e bolsas : Subvencións a salas de cinema galegas para contribuír á súa viabilidade e minimizar o impacto da crise sanitaria

Subvencións a salas de cinema galegas para contribuír á súa viabilidade e minimizar o impacto da crise sanitaria

Dotada con 350.000€, está dirixida a apoiar proxectos de adaptación, así como a programación y actividades de promoción

A Xunta crea unha liña de subvencións que por vez primeira terá como destinatarias directas as empresas galegas de exhibición cinematográfica de carácter comercial. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases desta nova convocatoria, dotada con 350.000 euros e dirixida a apoiar proxectos de adaptación das salas de cinema, así como á súa programación e actividades de promoción.

A iniciativa completa a política de apoio ao sector audiovisual que se canaliza a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e supón unha inxección económica para a viabilidade destes cinemas, un dos ámbitos claves do sector audiovisual galego, pero tamén un dos máis afectados pola crise sanitaria a diferentes niveis: a diminución dos seus ingresos directos tanto nos momentos de peche como nos de limitación da capacidade, a redución das estreas e circulación internacional de filmes e os cambios de hábitos no consumo audiovisual derivados do crecemento das plataformas dixitais durante a pandemia.

Segundo se detalla no DOG, estas subvencións serán concedidas en réxime de concorrencia non competitiva, de xeito que as contías distribuiranse cuns límites fixos en función do número de pantallas dos cinemas, primando as salas situadas en localidades de menos de 25.000 habitantes e a proxección de filmes en versión orixinal.

A súa publicación chega despois de que o Consello da Xunta do pasado 15 de abril autorizase esta convocatoria incluíndo a realización pagamentos anticipados de ata o 90% das contías concedidas, así como a exención de constituír garantías nestes casos.

Estado de tramite: En trámite

Comparte