Axudas, subvencións e bolsas : Convocatoria para coproducir tres novos espectáculos de danza co Centro Coreográfico Galego

Convocatoria para coproducir tres novos espectáculos de danza co Centro Coreográfico Galego

Os seleccionados recibirán unha achega de ata o 80% do orzamento total

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade abre o proceso de selección para a coprodución de tres novos espectáculos de calquera modalidade de danza co Centro Coreográfico Galego (CCG) ao longo deste ano. A convocatoria, publicada no web de Agadic, inclúe a contratación da estrea e parte da exhibición dos proxectos elixidos. O prazo para a presentación de solicitudes comezou o 12 de febreiro e prolongarase durante 20 días naturais.

As bases diríxense de xeito específico a profesionais da produción escénica que realicen a súa actividade maioritariamente en Galicia, quen deberán presentar proxectos orixinais que non fosen producidos con anterioridade. Os espectáculos seleccionados recibirán unha achega económica que non poderá exceder o 80% do orzamento total do proxecto, cun máximo de ata 18.000 euros para cada un deles. Ademais, disporán das instalacións do CCG, na Coruña, para os ensaios e a montaxe das pezas.

Segundo se recolle nas bases, o prazo de execución dos proxectos elixidos non poderá superar os 12 meses a partir do contrato. Así mesmo, ás persoas adxudicatarias requíreselles acreditar a estrea do espectáculo e a realización dun mínimo de dúas representacións durante a duración do contrato, a maiores da estrea e das actuacións contratadas nas redes xestionadas pola Xunta de Galicia.

As solicitudes para participar no proceso deberán xuntar unha memoria explicativa, incluíndo ficha de produción, o interese cultural e artístico do proxecto, e estratexias de difusión e promoción, entre outros datos. Acompañarase tamén o orzamento desagregado en gastos de persoal, produción e promoción, así como o historial do equipo artístico. Para a selección dos proxectos crearase unha comisión de valoración, integrada por tres profesionais do ámbito das artes escénicas galegas, que terán en conta as características técnicas e económicas das propostas.

 

Produtos culturais competitivos
O obxectivo desta acción, promovida pola Xunta por quinto ano consecutivo a través dunha convocatoria pública, é favorecer a produción de danza en todas as súas modalidades, impulsar a creación de espectadores para esta disciplina escénica, consolidar produtos culturais competitivos que xeren retorno e, en definitiva, a busca da excelencia nos produtos culturais galegos.

Estado de tramite: En prazoen prazo

Prazo de presentación:

13/02/2021 a 05/03/2021

Comparte