Axudas, subvencións e bolsas : Subvencións a festivais profesionais de artes escénicas 2020

Subvencións a festivais profesionais de artes escénicas 2020

Aumenta ata o 60% a contratación de compañías galegas

A convocatoria anual de subvencións a festivais profesionais de artes escénicas adapta as bases 2020 para facilitar a súa celebración no contexto poscovid-19 e aumenta ata o 60% a contratación de compañías galegas. Esta flexibilización forma parte do paquete de medidas específicas para o ámbito escénico do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico.

En concreto, as axudas de 2020 impulsan a presenza de formacións galegas nos carteis, que agora deben supoñer un mínimo do 60% da contratación profesional artística do encontro ou do total das actuacións profesionais que ofreza, porcentaxe que o ano pasado se situaba no 20% e no 30%, respectivamente.

Establecen, así mesmo, un aumento porcentual do orzamento que poden subvencionar os festivais a través desta convocatoria, que se eleva ata o 70% (85% no caso de solicitudes conxuntas de entidades locais ou de entidades resultantes de fusión) fronte ao 50% de 2019.

A flexibilización destas bases, mediante as que se busca facilitar as condicións de celebración dos eventos subvencionables, esténdese tamén ao mínimo de representacións con entrada de pago, que pasa do 50% de 2019 ao 30% da presente convocatoria. Como en anos anteriores, esta porcentaxe non será tida en conta para os festivais de rúa.

As subvencións diríxense a entidades privadas ou entidades locais galegas organizadoras de festivais que se celebren entre o 1 de novembro de 2019 e o 31 de outubro de 2020, que conten cunha traxectoria de polo menos dúas edicións anteriores e que ofrezan nos seus carteis un mínimo de seis compañías, entre outros requisitos.

As subvencións, para as que o prazo de solicitude estará aberto entre o 12 de xuño ata o luns 13 de xullo, serán concedidas mediante o procedemento de concorrencia competitiva. A dotación presupostaria é de 200.000 euros.

Estado de tramite: En trámite

Comparte