Axudas, subvencións e bolsas : Reaberta a contratación de espectáculos da Rede Galega de Teatros e Auditorios

Reaberta a contratación de espectáculos da Rede Galega de Teatros e Auditorios

Con novas medidas que facilitan a programación

A Xunta de Galicia abre ata o 8 de xuño a convocatoria de espectáculos galegos cara á súa contratación para o segundo semestre de actividade anual da Rede Galega de Teatros Auditorios (RGTA). O novo chamamento ás compañías e artistas galegos faise cunha serie de medidas que flexibilizan a normativa deste circuíto de índole profesional, coa finalidade de recuperar todas as funcións que tiveron que ser suspendidas durante o estado de alarma e deseñar a nova carteleira ata decembro.

 

As novas medidas, aprobadas pola Comisión Técnica da RGTA e propostas aos 40 concellos titulares de espazos membros, forman parte do Plan de Reactivación dos sectores Cultural e Turístico aprobado pola Xunta e supoñen modificacións importantes na normativa habitual deste programa. Deste xeito, por exemplo, para facilitar a programación, permitiranse as actuacións ao aire libre durante os meses de verán, en escenarios pechados diferentes aos adscritos á Rede ou como parte de festivais, mostras ou certames organizados polas distintas localidades.

 

Seguindo este obxectivo, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo fomentará a contratación de funcións consecutivas do mesmo espectáculo en cada espazo, incrementando as súas porcentaxes de achega nas segundas e terceiras funcións da mesma montaxe no mesmo escenario.

 

Destinatarios
O prazo de inscrición de espectáculos e concertos permanecerá aberto a través do web profesional www.galescena.gal. A convocatoria queda reservada a compañías de teatro e grupos musicais galegos, xa que para as formacións procedentes de fóra de Galicia prorrógase a selección que fora realizada para o primeiro semestre de 2020.

 

A partir do 9 de xuño, as persoas responsables da programación cultural dos concellos conformarán as súas carteleiras para cadanseus espazos segundo a oferta de espectáculos e concertos que finalmente quede configurada no catálogo en liña facilitado pola Agadic.

 

Estado de tramite: En trámite

Comparte