Axudas, subvencións e bolsas : Convocatoria anual de subvencións á creación escénica 2020

Convocatoria anual de subvencións á creación escénica 2020

En réxime de concorrencia competitiva

A Xunta abre ata o 20 de marzo o prazo de presentación de solicitudes para a súa convocatoria anual de subvencións á creación escénica, segundo as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 20 de xaneiro. A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), traballou na nova redacción destas axudas a partir das reunións mantidas ao respecto con Escena Galega, a principal asociación representante das empresas escénicas da nosa Comunidade.

 

O aumento da dotación nun 23%, chegando ata os 800.000 euros, cambios puntuais nos baremos de valoración dos proxectos ou a creación dunha nova modalidade para actividade plurianual, mediante a que se promove unha planificación a medio prazo por parte das compañías, son algunhas destas novidades consensuadas co sector. Sitúanse, ademais, na liña das modificacións introducidas o ano pasado e que se manteñen na nova convocatoria, como é o caso da discriminación positiva para as propostas de danza e artes do movemento (modalidade 3), ás que se destina unha dotación específica de 100.000 euros.

 

Para os espectáculos de teatro, novo circo e maxia (modalidade 2) resérvanse 430.000 euros, mentres que o orzamento destinado ás compañías de nova creación (modalidade 1) é de 70.000 euros. Polo que respecta á nova categoría para actividade escénica de carácter plurianual (modalidade 4), cóntase cunha dotación de 200.000 euros para subvencionar un máximo de dous proxectos escénicos que se desenvolvan durante o período 2020-2022 e que, ademais da produción dun espectáculo, inclúan un plan de xira tanto dentro como fóra de Galicia.

 

As bases establecen entre as finalidades desta convocatoria apoiar a produción escénica en todas as súas disciplinas, por parte de empresas dedicadas a esta actividade en Galicia, de xeito que se favoreza a estrea de novos espectáculos galegos de cara á súa progresiva incorporación ás carteleiras de salas, teatros, auditorios e festivais. Neste sentido, concrétase que a produción dos espectáculos deberá iniciarse durante este ano.

 

 

 

Estado de tramite: En trámite

Comparte