Axudas, subvencións e bolsas : Residencia Xacobeo para tradutor/as de literatura galega

Residencia Xacobeo para tradutor/as de literatura galega

Residencia Xacobeo para tradutor/as de literatura galega

A presente convocatoria ten por obxecto fixar as bases reguladoras que establece a Residencia Literaria 1863 –en colaboración coa Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura. Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia– para impulsar a Residencia Xacobeo. Dito programa apoiará unha residencia para tradutores/as de literatura galega a calquera lingua do mundo, por un mes de duración (en concreto, marzo de 2026) na Residencia Literaria 1863, da Coruña (Galicia).

A Residencia Xacobeo ten como finalidade o estímulo e promoción da tradución de obras literarias en galego de calquera xénero literario, nunhas condicións de excelencia e mediante a inmersión na cultura que as viu nacer. Fornecer aos e ás tradutoras dun espazo, un tempo, un contexto e unhas condicións óptimas para a enteira dedicación ao seu propio proxecto de tradución, dentro dun contexto idóneo, constitúe así mesmo o obxectivo deste programa. O tradutor ou tradutora, se así o desexa, terá a oportunidade de ofrecer un encontro público de mostra do seu traballo, en Galicia, durante o tempo de residencia. O tradutor ou tradutora en residencia na Coruña terá acceso prioritario a museos, bibliotecas, concertos, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos nunha cidade enormemente segura e que conta cunha rica e diversa vida cultural.

As solicitudes para concorrer á Residencia Xacobeo deberán presentarse antes do día 7 de decembro de 2025 ás 22:00h. Unha vez seleccionada e anunciada a persoa á que se conceda esta bolsa en residencia, gozará da mesma ao longo do mes de marzo de 2026. Nomearase así mesmo unha persoa suplente en caso de cancelación. O candidato ou candidata elixida deberá chegar a Galicia ao comezo de dito mes natural e marchar ao remate do mesmo (non se admiten chegadas ou saídas a metade de mes).

REQUISITOS DAS PERSOAS SOLICITANTES:

Poderá concorrer á presente convocatoria individualmente calquera tradutor/a literario/a – maior de dezaoito anos– de obra de literatura en galego, en calquera xénero literario, para calquera lingua do mundo.

Consulta as bases, aquí

Estado de tramite: En prazoen prazo

Prazo de presentación: 10/11/2025 a 07/12/2025

Documentos relacionados

Comparte