Aviso: Virginia Rota é nomeada Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2018

Virginia Rota é nomeada Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2018

Virginia Rota gaña o VI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. O certame lanzado pola Asociación Outono Fotográfico e co patrocinio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, e coa colaboración de Afundación na itinerancia, premia nesta edición o ensaio fotográfico El mundo al principio. Infans, de Rota.

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea ten por obxecto promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento. Pretende promover a creación dun espazo fotográfico que complemente o creado durante máis de tres décadas polo festival Outono Fotográfico mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas, sen límite en canto á técnica ou á estética, por parte de autoras e autores tanto nacionais como estranxeiros.

Neste sentido, o traballo de Virginia Rota entronca á perfección co obxectivo do Premio. El mundo al principio. Infans é unha pesquisa sobre a sabiduría da infancia, un retrato á liberdade do pensamento. A través de imaxes propias e apropiadas, Rota fai unha procura persoal na identidade ‘‘dos outros’’, acerca de dous conceptos que non sobreviviron á morte da súa nenez: a beleza e o importante. Este proxecto nace da necesidade de voltar ao momento anterior da toma de conciencia do horror, ao tempo da inocencia, aos anos nos que a integridade pertencía á linguaxe e a verdade resultaba infranqueable.

O Premio consiste na produción dunha exposición e a edición dun libro, ademais da posta en valor do traballo gañador itinerando a mostra durante 3 anos e distribuíndo a publicación.

O xurado estivo este ano formado por Carmen Dalmau, directora da Galería Cero, profesora en EFTI e investigadora; Isabel Lázaro, directora de Art Deal Project e fundadora do festival Art Photo Barcelona; Anxela Caramés, curadora independente e crítica de arte; Xosé Lois Vázquez, ex-director do festival Outono Fotográfico, editor en Difusora e fotógrafo; Vítor Nieves, curador independente, coordinador de Lab_in Gallery e fotógrafo; Encarna Lago, Xerente da Rede Museística de Lugo (representando á Deputación de Lugo); Fernando del Río, fotógrafo titular do Museo Arqueolóxico de Ourense en representación da Xunta de Galicia; e exerceu como secretaria Ofelia Cardo, profesora na ESAD Antón Faílde. 

A exposición resultante deste ensaio de Virginia Rota inaugurarase en decembro na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos en Lugo, para logo comezar a itinerancia polas cidades galegas nas salas de Afundación (Obra Social Abanca) así como outras localidades de Portugal e España.

Comparte