Aviso: A Fundación Galicia Europa convoca a 2ª edición do curso de Axentes de Cooperación Transfronteiriza do proxecto europeo Lidera

A Fundación Galicia Europa convoca a 2ª edición do curso de Axentes de Cooperación Transfronteiriza do proxecto europeo Lidera

• Cunha duración de 100 horas, será unha formación eminentemente práctica na que, a través de diversas actividades, os participantes coñecerán as distintas alternativas de cooperación transfronteiriza e aprenderán a elaborar e redactar candidaturas para programas que fomenten a mesma. • O curso tamén servirá para promover redes de colaboración entre persoas, entidades e expertos en preparación de proxectos. A Fundación Galicia Europa convoca o curso de Axentes de Cooperación Transfronteiriza, que terá lugar entre o 16 de abril e o 7 de xuño. Combinando actividades presenciais en grupo con outras de carácter individual, os participantes recibirán asistencia e titorización especializada para coñecer a dinámica dos proxectos de cooperación transfronteiriza, as posibilidades que ofrece o financiamento europeo neste ámbito, o proceso de elaboración dunha convocatoria e a oportunidade de descubrir e coñecer a outras persoas e entidades interesadas na creación de novos proxectos transfronteirizos. Esta actividade vai dirixida a mozos entre os 18 e 30 anos en situación de desemprego, no período de formación, ou en mellora laboral. Daráselle prioridade aos residentes próximos á zona de celebración e á orde de inscrición, tendo como máximo 15 participantes. Para este curso, a Fundación Galicia Europa contará coa colaboración da Câmara Municipal de Valença do Minho, onde se impartirán as actividades de carácter presencial, e dos demais socios do proxecto: Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cámara Oficial de Comercio, Industrial, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (ASCEGA), Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e Comunidade Intermunicipal do Ave. O Curso de Axentes de Cooperación Transfronteiriza é unha actividade do proxecto Lidera, un proxecto europeo que se enmarca no programa Interreg V A España-Portugal 2014-2020 (POCTEP), e que conta cun financiamento europeo de 1,4 millons de euros e unha duración de catro anos. No seu obxectivo de promover o desenvolvemento económico transfronteirizo en Galicia e a Rexión Norte de Portugal a través do fomento das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos, as actividades impulsadas por Lidera están orientadas a loitaren contra o desemprego xuvenil, a fuga de talento e concederen as ferramentas necesarias para que este colectivo sexa un motor de pulo económico destas rexións. Para este propósito, Lidera centrarase en tres fases principais denominadas “Crece, Cataliza e Emprende”, durante as cales se levarán a cabo unha serie de actividades orientadas a ampliar e mellorar as oportunidades laborais dos mozos. O Curso de Axentes de Cooperación Transfronteiriza forma parte da Fase “Cataliza”, que ten como obxectivo mellorar, potenciar e impulsar a viabilidade dos proxectos e ideas da xuventude, mediante a realización de actividades de titorización e asesoramento individualizado, formación personalizada, e coaching personal. Ao longo do proxecto realizaranse dúas edicións do curso, sendo esta a última delas. O prazo de inscripción remata o vindeiro xoves 12 de abril ás 12:00 horas.

Estado de trámite: En trámite

Comparte