Nova: O Centro Dramático Galego comeza os ensaios de ‘Un hotel de primeira sobre o río’ a partir da obra de Xohana Torres

29/11/2022

O Centro Dramático Galego comeza os ensaios de ‘Un hotel de primeira sobre o río’ a partir da obra de Xohana Torres

María Torres e Gonçalo Guerreiro asumen a dirección artística deste espectáculo, que chegará aos escenarios a próxima primavera na que será a primeira produción profesional que leve a escena este texto



Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Nicolás Otero, Merche Pérez, Pablo Sánchez Pérez e Lidia Veiga interpretarán a nova produción da unidade teatral da Xunta de Galicia, que reivindica a vixencia e a relevancia da obra dramática desta gran autora galega

 

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022  As instalacións do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela acollen estes días a primeira quenda dos ensaios de Un hotel de primeira sobre o río, baixo a dirección artística de María Torres e Gonçalo Guerreiro. Esta nova produción da unidade teatral da Xunta de Galicia chegará aos escenarios a próxima primavera, no que será o primeiro espectáculo profesional a partir deste texto de  Xohana Torres, recoñecido co Premio Castelo en 1968.

 

O Centro Dramático Galego convidou os fundadores da compañía galega Elefante Elegante para se poñer á fronte desta montaxe, coa que se reivindica ademais a relevancia e a vixencia da obra dramática desta gran autora, figura transcendental da literatura galega contemporánea.

 

Contan para tal fin cun elenco de sete intérpretes, seleccionados a partir das audicións que a compañía pública levou a cabo a primeiros do pasado mes de setembro: Merche Pérez, no papel protagonista, xunto a Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Nicolás Otero, Pablo Sánchez Pérez e Lidia Veiga. Deles destacan ambos os directores a súa gran capacidade tanto a nivel físico como interpretativo e mesmo musical.

 

Vixencia temática e estilística

A especulación urbanística, a depredación do medio natural ou o desarraigo son algúns dos temas arredor dos que xira Un hotel de primeira sobre o río, que desprega en tres actos a historia de Ruth, quen vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico para construír un hotel con área recreativa. Como sinala María Torres, ademais da súa pertinencia en canto á actualidade temática, esta produción busca recoller o espírito e a beleza da escrita de Xohana Torres, “tan galega e, ao mesmo tempo, tan universal”.

 

Gonçalo Guerreiro estase a encargar tamén do deseño da escenografía, a través da que se buscará reflectir un espazo simbólico entre a realidade e a imaxinación da protagonista, entre os seus soños e os seus medos.

 

Esta primeira xeira de ensaios estenderase ata finais desta semana, para dar paso a continuación aos dos diferentes equipos das catro pezas que conformarán o espectáculo Shakespeare en Roma que, xunto con Un hotel de primera sobre o río e o xa estreado Recortes, caneos e outras formas de driblar, integra o plan de produción do Centro Dramático Galego para a presente temporada 2022-2023.

Comparte