Nova: O Hub audiovisual da Xunta cofinancia a rodaxe en Galicia da próxima longa de Ficción Producciones con Carmen Machi como protagonista

17/11/2022

O Hub audiovisual da Xunta cofinancia a rodaxe en Galicia da próxima longa de Ficción Producciones con Carmen Machi como protagonista

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, recibiu os produtores executivos Mamen Quintas e Julio Casal para coñecer máis detalles desta comedia negra que levará por título Tratamos demasiado bien a las mujeres

Clara Bilbao debuta na dirección de longametraxes con esta película, que se filmará na primavera e contará coa participación de coñecidos intérpretes galegos

Esta coprodución coa empresa francesa Noodels Production acada unha subvención de 350.000 euros a través do fondo para a atracción de rodaxes, mediante o que o Goberno galego contribúe á filmación na nosa Comunidade de 10 películas e series

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, recibiu hoxe os responsables de Ficción Producciones, Mamen Quintas e Julio Casal, para afondar nos detalles da próxima filmación en Galicia da nova longametraxe da produtora compostelá. Tratamos demasiado bien a las mujeres é o título deste proxecto, que conta cunha subvención de 350.000 euros por parte da Xunta a través da segunda convocatoria do fondo para a atracción de rodaxes, dentro do que Ficción tamén contou con apoio para a segunda temporada da serie de Prime Video Operación Marea Negra.

Desta volta, a nosa Comunidade acollerá a gravación íntegra do filme, prevista para a primavera de 2023 baixo a dirección de Clara Bilbao, recoñecida deseñadora de vestiario, que debuta aquí na realización de longametraxes. Miguel Barros asina o guión desta comedia negra inspirada na novela On est toujours trop bon avec les femmes, do francés Raymond Queneau, mentres que Mateo Gil, Mamen Quintas e Julio Casal comparten a produción executiva. A súa protagonista será Carmen Machi, quen lle dará vida a unha muller sen escrúpulos nesta historia sobre un grupo de maquis refuxiado nun pequeno pobo da montaña nos primeiros anos 40. Acompañarana no reparto outros coñecidos intérpretes do panorama audiovisual español e galego.

Investimento de 3,2 M€

Tratamos demasiado bien a las mujeres é unha das 10 producións de cinema e televisión que teñen Galicia como escenario co apoio das axudas para a captación de rodaxes, desenvolvidas en dúas convocatorias e que dan conta do efecto multiplicador do investimento público no sector audiovisual. Deste xeito, os máis de 3,2 millóns de euros cos que a Xunta cofinancia esta decena de filmacións implican un compromiso mínimo de gasto na nosa Comunidade por parte das produtoras subvencionadas superior aos 25 millóns de euros. Ademais, o seu retorno económico directo e indirecto estímase en máis de 33 millóns de euros, segundo os datos que se poden extrapolar dunha investigación encargada á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

Ademais dos dous proxectos de Ficción, subvenciónanse as produtoras Portocabo para a primeira e a segunda temporada de Rapa (Movistar Plus+), a segunda de Los enviados (Paramount+) e a serie infantil Los Argonautas (RTVE), e Vaca TV para Hasta el cielo (Netflix), así como as longametraxes Amigos hasta la muerte, de Undodez y Medio Limón, e Arderéis en el infierno, de Arderéis Movie AIE.

O Hub Audiovisual da Industria Cultural está a supoñer un programa de apoio sen precedentes para o sector a través de diferentes medidas que buscan reforzar a competitividade das produtoras galegas e a estabilidade dos seus profesionais. Para este fin, cóntase cun investimento de 9,6 millóns de euros ata 2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

 

Comparte