Nova: Román Rodríguez salienta o talento do artista vigués Borja Fontán, autor do tapiz que ilustrará o 300 aniversario da Real Fábrica de Tapices

21/12/2021

Román Rodríguez salienta o talento do artista vigués Borja Fontán, autor do tapiz que ilustrará o 300 aniversario da Real Fábrica de Tapices

O conselleiro de Cultura mantivo un encontro co autor, un mozo de 25 anos cuxa peza simboliza os valores tanto da xuventude actual como da institución

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo hoxe un encontro co artista vigués Borja Fontán, autor do tapiz que será a imaxe conmemorativa do 300 aniversario da Real Fábrica de Tapices.
O titular de Cultura da Xunta salientou o talento deste autor, de tan só 25 anos, que deseñou a peza El tapiz de Elion elixida pola Real Fábrica de Tapices para esta efeméride. Trátase dun deseño exótico e moderno que quere simbolizar os valores da xuventudes actuais, así como da institución destinataria, entre a vangarda e a tradición.
A peculiaridade do tapiz é que se trata dunha obra participativa, que o artista non dará por finalizada ata que non atope os máis de 700 mecenas que a patrocinen. Para iso está en marcha unha plataforma de crowdfunding que lle permitirá atopar a este grupo de mecenas, cuxos nomes figurarán no tapiz e que poderán visitar gratuitamente os museos e exposicións nos que se expoña.
O vigués participa así nas conmemoracións desta institución que, con 300 anos de tradición, leva anos tendo un valor esencial na conservación do patrimonio téxtil español. Fundada no século XVIII, a entidade desenvolve a súa actividade vinculada a nomes tan senlleiros como Goya, Bayeu, Gianquinto, Maella, Tenier, Coello ou máis actuais como Juan Gris, Vaquero Turcios, Teresa Sapei, entre outros.

Comparte