Nova: A Xunta promove a reflexión sobre a divulgación cultural e científica en internet con ‘#Culturalike3’ no marco da exposición ‘Galicia Futura’

11/12/2021
A Xunta promove a reflexión sobre a divulgación cultural e científica en internet con ‘#Culturalike3’ no marco da exposición ‘Galicia Futura’
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou “o potencial de Internet e as redes sociais como aliadas e cómplices na creación, difusión e educación en cultura”
O evento, celebrado no Gaiás, conta con especialistas en saúde mental, neurociencia, moda sostible, historia da arte ou novos materiais, e dá a coñecer contidos científicos e culturais especializados para grandes audiencias a través da rede
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2021.- A Cidade da Cultura acolle hoxe a terceira edición do #Culturalike, un encontro promovido pola Xunta de Galicia –e enmarcado na programación arredor da exposición Galicia futura–, para reflexionar sobre as claves da divulgación cultural e científica en internet. O faladoiro, que pode seguirse de xeito presencial e de balde na Biblioteca de Galicia e tamén a través de streaming, está coordinado por dous grandes divulgadores da rede, e comisarios da mostra na que se enmarca o encontro: os galegos Deborah García Bello –Deborahciencia– e Miguel Ángel Cajigal –El Barroquista–.
Para afondar no papel actual das comunidades dixitais na difusión de coñecemento cultural e científico, #Culturalike3: Galicia futura convida a divulgadores que, ademais de seren profesionais de recoñecido prestixio nas súas áreas de coñecemento, contan con consolidadas comunidades de milleiros de persoas nas súas plataformas dixitais. Nomes como os da escritora Espido Freire, a bióloga especializada en neurociencia Tamara Pazos, a historiadora da Arte Sara Rubayo, o químico Juan Manuel Bermúdez ou a enxeñeira especializada en materiais sostibles Gemma Rojo, participan nesta edición, que está conducida pola propia Deborah García Bello e contou hoxe coa asistencia do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade subliñou o “grande valor de Internet como aliada e cómplice na creación, difusión e educación en cultura”, destacando o potencial das redes sociais para rachar cos lindes físicos; reforzar a democratización da cultura e sacar as disciplinas artísticas fóra dos espazos tradicionalmente establecidos”. Precisamente, lembrou Anxo M. Lorenzo, o Museo Gaiás acolle neste intre Galicia futura —terceira grande exposición da Xunta na programación do Xacobeo 2021-2022—, “un proxecto que encaixa á perfección coa filosofía deste encontro, e no que as tecnoloxías, a ciencia, as novas linguaxes artísticas, o diálogo entre distintas áreas do coñecemento e a creación de novos relatos dixitais, culturais e científicos teñen un peso destacado”.
Relatoras do ‘#Culturalike’
O #Culturalike3 artéllase en dúas sesións con dous eixos diferenciados. A primeira delas céntrase no papel das comunidades dixitais na difusión de coñecemento cultural e científico e conta con relatoras como Sara Rubayo, historiadora da Arte que na súa canle en YouTube –La Gata Verde– achega a Arte e a súa historia a persoas de todas as idades dun xeito ameno e rigoroso. Conta con máis de 100.000 subscritores e nela difunde desde grandes clásicos da Pintura ata as últimas tendencias da Arte, pondo especial atención ao rescate de mulleres ás que a historia da Arte relegou a un segundo nivel.
Interveñen tamén a escritora Espido Freire que, tras converterse con 25 anos na gañadora de menor idade do Premio Planeta en 1999, suma no seu haber nove novelas ademais de libros de contos, novela xuvenil, libro ilustrado, ensaio ou obra teatral. Colabora en distintos medios e a súa faceta dixital foi recoñecida co Premio Influencers á máis destacada figura cultural de 2018. Completa o programa da sesión de mañá a bióloga coruñesa especializada en neurociencia Tamara Pazos, coñecida nas redes como @putamen_T, onde se converteu nun referente en temas como a saúde mental.
Sostibilidade e novas tendencias
No caso da sesión da tarde, a sostibilidade aplicada a campos como a moda, a reciclaxe ou os novos materiais será o eixo central ao redor do que xirarán as conversas cun programa de relatores que inclúe a Gemma Rojo, enxeñeira do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC), da Universidade da Coruña, que investiga o desenvolvemento de formigóns máis sostibles; ou Juan Manuel Bermúdez, doutor en Química Ambiental e Fundamental e investigador no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, e un dos descubridores da perovskiña, un material sólido refrixerante que pasa por ser unha alternativa ecolóxica, innovadora e segura aos refrixerantes gasosos que se empregan hoxe.
Completan o programa Laura Opazo, comunicadora especializada en moda sostible, consumo intelixente e consciente, e a propia Deborah García Bello, que compaxina o seu traballo de investigación en Química coa divulgación a través de plataformas propias e medios de comunicación. Autora dos libros Todo es cuestión de química, Que se le van las vitaminas e No tocar, recibiu numerosos premios pola súa actividade divulgadora, entre eles o Premio Bitácoras, o Premio Prisma e o Premio Tesla.