Nova: Cultura achega 21.500 euros a acondicionar a cuberta da biblioteca de Samos, ao abeiro da orde de axudas para mellorar equipamentos culturais

23/11/2021

Cultura achega 21.500 euros a acondicionar a cuberta da biblioteca de Samos, ao abeiro da orde de axudas para mellorar equipamentos culturais

O delegado territorial, Javier Arias, subliña que se priorizan os proxectos dos municipios con menor poboación para que “toda a cidadanía teña as mesmas oportunidades de acceso á cultura”

Samos (Lugo), 23 de novembro de 2021.- A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina 500.000 euros a 40 concellos de toda Galicia para a mellora e equipamento das instalacións e locais destinados a actividades de carácter cultural.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a biblioteca municipal de Samos, onde se está acomentendo a substitución da cuberta grazas a unha achega de 21.500 euros ao abeiro deste programa. Arias subliñou que se priorizan os concellos con menor poboación para “facilitar o reequilibrio territorial tamén neste eido”, procurando que “toda a cidadanía teña as mesmas oportunidades de acceso á cultura”.

Dos 40 beneficiarios, unhas 23 son dirixidas ao acondicionamento e dotación de bibliotecas, e o resto a aulas multiusos e casas da cultura. O prazo para xustificar as obras remata o 15 de decembro.

A Consellería financia actuacións relativas ao equipamento e mobles de locais; a realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como a adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento da programación cultural do local, como equipamento escénico, audiovisual, iluminación ou son. Tamén accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, entre outras.

A axuda máxima é de 30.000 euros e non pode exceder do 90 % do orzamento total do proxecto subvencionable.
 

Comparte