Nova: Román Rodríguez salienta o papel dos Premios da Crítica de Galicia para impulsar e recoñecer o talento creativo da comunidade nas últimas catro décadas

13/11/2021

Román Rodríguez salienta o papel dos Premios da Crítica de Galicia para impulsar e recoñecer o talento creativo da comunidade nas últimas catro décadas

O titular de Cultura da Xunta asiste en Vigo ao fallo da 44 edición

“A recuperación comeza a ser gradual en todas as esferas da cultura e desde o Goberno autonómico seguiremos acompañando ao sector” expresa o conselleiro

Vigo, 13 de novembro de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu hoxe ao fallo da 44ª edición dos Premios da Crítica de Galicia, no que tamén se entregaron os galardóns do ano pasado. Durante o acto salientou o papel deste recoñecemento á hora de impulsar e recoñecer o talento creativo de Galicia nas máis de catro décadas de historia.

Román Rodríguez recordou que estes son un dos premios culturais de Galicia máis lonxevos, que conseguiron vivir “sempre vencellados á singularidade creativa de Galicia respectando tanto a tradición como a vanguarda”. O conselleiro recoñeceu o traballo dos membros da Fundación Premios da Crítica Galicia por seguir mantendo estes galardóns ao longo dos anos distinguindo a reputados profesionais do mundo da cultura. Uns galardóns, que, indicou, son nestes tempos máis necesarios que nunca para recoñecer o esforzo do sector cultural.

“Incluso nos peores momentos da pandemia, sucedéronse as manifestacións artísticas por todo o mundo e hoxe, a recuperación comeza a ser gradual en todas as esferas da cultura, cunha normalidade que parece consolidarse cada día mais”, expresou. Neste sentido recordou que o Goberno autonómico leva a cabo distintas medidas de apoio que se están a reforzar neste outono cultural e tamén no ano próximo. Neste sentido, o orzamento da Xunta en Cultura volve medrar ata os 96,3M€ para reactivar a actividade, de xeito especial no marco do Xacobeo 21-22, e, sobre todo, para lanzar novas medidas e programas que axuden a retomar o crecemento das industrias culturais e creativas así como favorecer o impulso da lingua.
Os Premios da Crítica de Galicia veñen recoñecendo cada ano a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos. En concreto, actualmente outórganse en ata oito modalidades: creación literaria, investigación, música, iniciativas culturais, artes plásticas e visuais, artes escénicas, cine e artes audiovisuais e cultura gastronómica.

Comparte