Nova: A Xunta promove unha prospección arqueolóxica subacuática na Illa de Cortegada para localizar un pecio da época romana

11/11/2021

A Xunta promove unha prospección arqueolóxica subacuática na Illa de Cortegada para localizar un pecio da época romana

O delegado territorial, Luis López, asistíu esta tarde ao comezo dos traballos de recoñecemento do terreo e da sondaxe valorativa da contorna norte de Punta Fradiño, que se van prolongar durante tres meses e contan cun orzamento de máis de 15.000€

Este proxecto arqueolóxico, que vai ser realizado pola firma Zeta, Arqueoloxía e Sistemas de Xestión Integral do Patrimonio, céntrase na localización e documentación dun posible pecio romano tras os indicios aportados polos achádegos na zona nas últimas catro décadas

“A aparición de ánforas, cerámicas e incluso laxes de pedra que poden pertencer a unha embarcación fan que este proxecto sexa prometedor e, dende a Xunta, agardamos seguir enriquecendo e descubrindo o noso patrimonio e a nosa historia”, sinalou Luis López

Vilagarcía de Arousa, 11 de novembro de 2021.- A Xunta, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, promove a realización dunha prospección arqueolóxica subacuática na Illa de Cortegada, pertencente ao Concello de Vilagarcía de Arousa, para tratar de localizar un posible pecio da época romana.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistíu a primeira hora desta tarde ao comezo dos traballos de recoñecemento do terreo e da sondaxe valorativa da contorna norte de Punta Fradiño, un enclave da citada illa, que se van prolongar durante os vindeiros tres meses e que contan cun orzamento de máis de 15.000 euros.

Este proxecto arqueolóxico, que vai ser desenvolvido pola empresa especializada Zeta, Arqueoloxía e Sistemas de Xestión Integral do Patrimonio baixo a dirección de Cristóbal Nodar, inclúen inmersións na zona susceptible de acoller este pecio e varridos a través dun radar acuático.

A actuación, impulsada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, consiste nunha intervención arqueolóxica mariña para localizar e documentar os restos dunha embarcación da época romana tras os indicios aportados por distintos achádegos nesta zona ao longo das últimas catro décadas.

“A aparición de ánforas, cerámicas e incluso laxes de pedra que poden pertencer a partes dunha embarcación fan que este proxecto sexa prometedor e moi interesante dende o punto de vista histórico e cultural, polo que, dende a Xunta, impulsamos esta actuación porque agardamos seguir enriquecendo e descubrindo todos os aspectos e segredos do noso patrimonio e do noso pasado, xa de por si moi rico, pero do que seguro que aínda temos moito por coñecer pola localización xeográfica e a historia de Galicia”, sinalou Luis López.

As primeiras referencias á presenza dun posible pecio romano nas inmediacións da Illa de Cortegada datan dos anos 1982 e 1983 coa aparición dalgunhas ánforas. Cinco anos despois, a Xunta promoveu unha primeira prospección arqueolóxica subacuática na Illa de Cortegada dirixida por Javier Luaces que deu como resultado a localización de abondoso material cerámico, ánforas vinarias, cerámica común e tamén da variedade Terra Sigillata Gálica, así como laxes de pedra que encaixarían co lastre dunha embarcación.

Xa no ano 2007, outro traballo similar efectuado no Parque Nacional das Illas Atlánticas, encabezado por Miguel San Claudio, constatou a presenza en Punta Fradiño de elementos cerámicos de cronoloxía romana na enseada da zona norleste e tamén de fragmentos de tegulae, o que suxire, segundo este estudo, a presenza dun xacemento arqueolóxico terrestre que foi anegado pola suba do nivel do mar.

Agora, con esta nova prospección preténdense descubrir os elementos exactos que hai na Illa de Cortegada a través dun traballo que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pretende continuar ao longo dos próximos anos.
 

Comparte