Nova: A Xunta participa na presentación do programa formativo ‘Cultura galega e emigración’ organizado por FUNDEHSGA

07/04/2021

A Xunta participa na presentación do programa formativo ‘Cultura galega e emigración’ organizado por FUNDEHSGA

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiron á videorreunión da iniciativa

Os tres cursos, que se desenvolven telematicamente, teñen como obxectivo abordar o mapeado cultural galego na emigración con todo o que este lles achegou tanto aos países de acollida como a Galicia

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2021.- Os secretarios xerais de Política Lingüística e Emigración, Valentín García e Antonio Rodríguez Miranda, participaron na videorreunión de inicio do programa formativo Cultura Galega e Emigración: a galeguidade na diáspora, dirixido á galeguidade no exterior que organiza FUNDEHSGA (Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social de Galicia) e que se centra na diáspora galega.

O programa, que arranca estes días o seu primeiro curso e no que tamén colaboran a Universidade LiberQuaré e a Fundación Familias Mundi, conta con 238 alumnos e alumnas matriculados, entre os que cómpre salientar 62 provenientes da Arxentina, 20 do Brasil, 10 de Venezuela, 3 de Exipto ou 90 do resto do Estado español. Estas xornadas forman parte dun programa de cursos académicos que, baixo o título Cultura galega e emigración: a galeguidade na diáspora, inciden na proxección exterior da lingua e da cultura galegas.

O obxectivo deste programa formativo é abordar o mapeado cultural galego na emigración, con todo o que este lles achegou tanto aos países de acollida como a Galicia. Esta iniciativa abordará a historia e sociedade na Galicia da diáspora, o idioma e escritura galega así como as artes galegas no exterior, e o Camiño e camiños de Galicia no mundo. Toda a información, programa académico e calendario de desenvolvemento na web da Fundación.

Participaron na presentación, canda os representantes da Xunta de Galicia, o director de FUNDEHSGA e reitor da Universidade Internacional Liberquaré, Agustín Dosil, e o director científico dos cursos, Armando Requeixo.

Comparte