Nova: A Xunta abre a convocatoria de preto de 200.000€ para impulsar actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas

28/03/2021

A Xunta abre a convocatoria de preto de 200.000€ para impulsar actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas

O Diario Oficial de Galicia publica as axudas para entidades locais coas que o Goberno autonómico continúa co desenvolvemento do programa ‘Ler conta moito’

A Administración autonómica avanza así no seu compromiso coas bibliotecas galegas que este ano contan cun orzamento de 7,4 millóns de euros

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2021.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria da liña de axudas a entidades locais coas que a Xunta facilita a programación de actividades de dinamización de lectura nas bibliotecas e axencias de lectura integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, ao abeiro do programa Ler conta moito. O goberno autonómico destina nesta edición 195.000 euros.

Ao abeiro desta liña os concellos beneficiarios programarán un mínimo de dúas actividades polas que poderán recibir unha achega que cubra ata o 75% dos gastos. As bibliotecas públicas poderán realizar as actividades sobre a base do catálogo Ler conta moito 2021, de actividades de animación á lectura, que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten dispoñible na web.

A Xunta de Galicia continúa impulsando así Ler conta moito, un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas que se desenvolve en colaboración coas entidades locais. Trátase dunha programación que ten como obxectivo contribuír á promoción da lectura como un vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal, ofrecendo espazos de encontro para descubrir e compartir. O período de programación de actividades será ata o 25 de outubro de 2021.

Máis de 180 concellos o ano pasado

Ademais, o desenvolvemento de actividades de dinamización no ámbito da biblioteca como estas permiten reforzar o seu carácter de espazo aberto, ao tempo que alentan a aprendizaxe. Trátase dunha convocatoria que ano a ano permite apoiar a actividade das bibliotecas, como demostra que en 2020 resultaron beneficiarios un total de 180 concellos que programaron actividades en 227 bibliotecas públicas.

O Goberno autonómico está a consolidar un sistema bibliotecario robusto e sólido, para o que se incrementan os orzamentos deste ano ata os 7,4 millóns de euros. Ademais, desde a entrada en vigor da Lei de Bibliotecas de Galicia reforzouse a cooperación entre os axentes con competencias nesta materia. De xeito complementario destas axudas, a Xunta ofrece tamén subvencións para o crecemento e actualización das coleccións das bibliotecas, axudas para equipamentos culturais de concellos e poténciase o papel da Biblioteca de Galicia como institución central e a posta en marcha da biblioteca dixital Galiciana, entre outras iniciativas.

Comparte