Nova: A Xunta adxudica os traballos de restauración da igrexa de San Vicenzo de Pombeiro en Pantón por máis de 260.000 €

03/03/2021

A Xunta adxudica os traballos de restauración da igrexa de San Vicenzo de Pombeiro en Pantón por máis de 260.000 €

O templo, declarado Ben de Interese Cultural, é un dos mosteiros máis relevantes da Ribeira Sacra e unha das xoias do románico en Galicia

Realizaranse actuacións para reducir a presenza de humidades e accións de mellora das ventás, fachadas e do espazo da sancristía

O Goberno galego inviste 4,5M€ en bens desta paisaxe cultural que encara a recta final para a súa posible declaración como Patrimonio Mundial pola Unesco

Pantón (Lugo), 3 de marzo de 2021.- A Xunta vén de adxudicar por máis de 260.000 euros os traballos de restauración, conservación e mantemento da igrexa de San Vicenzo de Pombeiro, en Pantón. Trátase dun templo declarado Ben de Interese Cultural (BIC) que constitúe un dos mosteiros máis relevantes da Ribeira Sacra na época medieval e que está considerado como unha das xoias do románico en Galicia.

As actuacións impulsadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade permitirán reducir a presenza de humidades e a entrada de auga a través da cuberta, así como mellorar a carpintería das ventás, o estado das fachadas, a sancristía ou o acceso a través do adro. Así pois, entre os traballos que se levarán a cabo destaca a substitución da actual cuberta, a eliminación de humidades nas bases dos muros ou a execución de novas carpinterías nas fiestras que garantan a ventilación.

Do mesmo xeito, renovaranse os rexuntados das fachadas exteriores, reordenarase o espazo da sancristía substituíndo a porta de entrada e peche e renovarase a pavimentación do espazo do adro para facilitar o acceso. O prazo de execución dos traballos será de seis meses desde o inicio das actuacións.

Outras accións na Ribeira Sacra

A intervención neste inmoble forma parte do compromiso do Goberno galego coa paisaxe cultural da Ribeira Sacra, que encara a recta final para a súa posible declaración como Patrimonio Mundial pola Unesco. Neste sentido, desde o inicio da candidatura, no ano 2017, a Administración autonómica destinou 4,5 millóns de euros para poñer en valor preto dunha vintena de bens patrimoniais. En concreto, executáronse melloras en bens como a igrexa de Santo Estevo de Atán ou o Mosteiro de Santa María de Ferreira, ambos no concello de Pantón; e están en marcha actuacións inmobles como a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, o Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo ou a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Sil, entre outros.

Retablos de comezos do século XVIII

 

A igrexa de San Vicenzo de Pombeiro, ao igual que outros mosteiros da zona, tivo as súas orixes na Alta Idade Media, cando os anacoretas poboaron as terras da Ribeira Sacra. En concreto, data do último terzo do século XII e da primeira metade do século XIII. Conta cunha planta basilical de tres naves e cabeceira tripla. De fábrica románica conserva a cabeceira e parte dos muros perimetrais das naves, tanto ao interior como ao exterior.

No seu interior atesoura elementos moi destacados, como o conxunto de retablos, especialmente o maior, de principios do século XVIII, vinculado ao obradoiro de Francisco Castro Canseco, e o ciclo de pinturas murais que se descubriron no 1996, que foron restauradas pola Xunta a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e que representan a Santa Cea, as lamentacións sobre o cristo morto, o xuízo final así como outras escenas como o nacemento de cristo ou Santa Ana.

Comparte