Nova: O Museo Etnolóxico de Ribadavia expón máis de 150 obxectos sobre a figura de San Cipriano o Mago

22/12/2020

O Museo Etnolóxico de Ribadavia expón máis de 150 obxectos sobre a figura de San Cipriano o Mago

O secretario xeral de Cultura da Xunta e o alcalde inauguraron a mostra que afonda na pegada desta figura no imaxinario popular de Galicia

Pódese ver unha selección de pezas de diferente natureza que van desde libros de maxia a elementos relixiosos procedentes de países como Armenia, Italia ou Etiopía

Ribadavia (Ourense), 22 de decembro de 2020.- O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández, inauguraron hoxe no Museo Etnolóxico de Ribadavia a mostra San Cipriano o mago. De oracións, ciprianillos e tesouros que expón máis de 150 obxectos vencellados con esta figura do san de Antioquía.

Durante o acto de inauguración, o representante autonómico explicou que esta mostra “permite afondar na pegada desta personaxe tan popular no imaxinario de Galicia, Europa, África e parte de Oriente para protexer de meigallos e males de ollo”. Neste sentido, Anxo M. Lorenzo agradeceu o labor do antropólogo Félix Castro Vicente, que durante os últimos 20 anos recompilou estes obxectos nos que queda patente a relación de San Cipriano con tesouros escondidos, a maxia e a relixión.

Así, ata decembro do vindeiro ano poderase ver na dotación cultural de Ribadavia unha selección de máis de 150 obxectos sobre o patrón e protector dos practicantes das artes máxicas e contra os maleficios. Deles, máis de 50 son pezas relixiosas vencelladas a San Cipriano e procedentes de diferentes países como España, Portugal, Italia, Francia, Rusia, Grecia, Armenia ou Etiopía. Estes obxectos van desde oracións, gravados e pregos de cordel ata libros de vidas de santos, iconas, amuletos ou rolos máxicos etíopes.

Ademais, tamén estarán expostos obxectos máxicos relacionados co culto a San Cipriano en todo o mundo e máis de 60 libros de maxia e sobre esta figura, incluíndo primeiras edicións das publicacións máis coñecidas e buscadas, tanto portuguesas, españolas, mexicanas, brasileiras, arxentinas, italianas, etc. A mostra complétase coas pezas vencelladas coa procura de tesouros ocultos como varas de San Cipriano, reprodución dun circo máxico de desencanto de tesouros, gacetas ou listas de tesouros, entre outros.

Comparte