Nova: A Fundación Exponav entra a formar parte do Sistema de Arquivos de Galicia xestionado pola Xunta

24/02/2020

A Fundación Exponav entra a formar parte do Sistema de Arquivos de Galicia xestionado pola Xunta

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a inclusión deste fondo de gran interese que dá a coñecer o extenso contido de documentación técnica especializada en construción naval que reflicte a orixe dos estaleiros españois

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2020.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a inclusión do arquivo da Fundación Exposición Nacional da Construción Naval (Exponav) no Sistema de Arquivos de Galicia xestionado pola Xunta. Trátase dun fondo de gran interese cuxa función é dar a coñecer o extenso contido de documentación técnica especializada en construción naval que reflicte a orixe e evolución histórica dos estaleiros españois, así como o desenvolvemento das construcións efectuadas.

Os fondos custodiados por esta institución sen ánimo de lucro permiten fomentar o coñecemento de todo o relativo á construción naval española, en particular desde o século XVIII, e están formados por planos de proxectos de construción naval en papel vexetal (máis de 37.000), debuxos técnicos en detalle en microfichas e material fotográfico complementario (máis de 70.000 imaxes, en formato analóxico e dixital).

Este centro expositivo ten a súa sede no edificio de Ferrería, que forma parte do conxunto histórico do Arsenal de Ferrol e que, xunto coa base naval, foi construído no século XVIII tras a designación da vila en 1726 como capital do Departamento Marítimo do Norte. Cómpre, polo tanto, destacar a perfecta integración do museo no conxunto histórico industrial e naval de Ferrol.

Comparte