Nova: Feijóo avanza que a nova Lei de museos dará todo o protagonismo que merecen estes espazos, tendo en conta a súa dimensión social, investigadora, pedagóxica e económica

19/12/2019
Feijóo avanza que a nova Lei de museos dará todo o protagonismo que merecen estes espazos, tendo en conta a súa dimensión social, investigadora, pedagóxica e económica
Explica que esta lei terá unha dobre finalidade: regular o réxime xurídico de todos os centros de natureza museística de Galicia e a posta en marcha do Sistema galego de centros museísticos
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, avanza que o Goberno galego investirá 36 M€ ata 2022 para garantir o seu funcionamento, dos que preto de 10 se destinarán á programación de actividades
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a nova Lei de museos e centros museísticos dará “todo o protagonismo que merecen” estes espazos, tendo en conta a súa dimensión social, investigadora, pedagóxica e económica.
Na rolda de prensa do Consello, Feijóo explicou que esta lei terá unha dobre finalidade: regular o réxime xurídico de todos os centros de natureza museística de Galicia -museos, coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural da Comunidade-; e a posta en marcha do Sistema galego de centros museísticos.
Cómpre subliñar que esta norma, que acaba de ser sometida ao trámite de audiencia e información pública, o que serviu para incorporar as achegas de diferentes colectivos, será remitida ao Parlamento para o seu debate e tramitación, coa previsión de que poida ser aprobada no primeiro semestre de ano que vén.
Con ela, ademais, o Goberno galego culmina a articulación normativa das institucións culturais de referencia. Non en van, na última década aprobouse a Lei de bibliotecas (2012), a Lei de arquivos e documentos (2014) e, noutra orde, pero tamén vencellado aos arquivos, bibliotecas e museos, aprobouse a Lei do patrimonio cultural (2016).
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, salientou que se trata dun texto legal “de marcado carácter técnico” que nace co obxectivo de estruturar o funcionamento das 93 institucións museísticas que existen na nosa Comunidade, e entre as que figuran dotacións de diversa índole como casas-museo, ecomuseos, ou emprazamentos etnográficos e arqueolóxicos, entre outros.
Deste xeito, segundo Román Rodríguez, esta nova norma “suporá un antes e un despois” na xestión dos museos da Comunidade, xa que servirá para “mellorar e harmonizar” a organización dos diferentes centros e potenciar o seu papel como activos de referencia no plano social, científico, educativo e económico.
Neste sentido, o titular de Cultura e Turismo subliñou o compromiso da Xunta con estas institucións culturais e avanzou que o Goberno galego investirá 36 millóns de euros ata 2022 para garantir o seu funcionamento, dos que preto de 10 millóns se destinarán á programación de actividades.