Nova: 'Pequefilmes' chega á Cidade da Cultura para promover o cinema entre a cativada

19/12/2019
'Pequefilmes' chega á Cidade da Cultura para promover o cinema entre a cativada
A fin de semana do 18 e 19 de xaneiro de 2020 proxectaranse no Museo Centro Gaiás arredor dun cento de curtametraxes premiadas en certames internacionais de prestixio, dirixidas a nenos e nenas de todas as idades
Os pequenos espectadores serán tamén o xurado que coas súas valoracións determinará os premios do público ás mellores curtas do Festival
Completan o programa obradoiros para descubrir técnicas como o ‘stop motion’ e unha sección especial de curtas seleccionadas no festival de Clermont-Ferrand
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2019.- A Cidade da Cultura de Galicia celebrará a fin de semana do 18 e 19 de xaneiro de 2020 o festival infantil de curtametraxes Pequefilmes. O Museo Centro Gaiás proxectará unha escolma de ao redor dun cento de traballos, moitos deles premiados nalgúns dos festivais de cinema infantil, xuvenil e de animación máis importantes do mundo, como Annecy, Chicago ICFF, Animamundi, Animafest, Dresdner Kinderfilfest, etc.
A programación desta cuarta edición de Pequefilmes recolle, deste xeito, o máis destacado da produción internacional actual dedicada a esta audiencia pequena en tamaño pero grande en esixencias, converténdose nunha oportunidade para que os máis novos da casa vexan pezas audiovisuais de gran calidade que, en moitas ocasións, quedan fóra do seu alcance polos circuítos convencionais.
Ao longo das dúas xornadas proxectaranse curtametraxes distribuídas en tres seccións adaptadas ás idades dos espectadores miúdos: Vagalumes –para bebés de 0 a 3 anos– Miñocas –máis de 3 anos– e Fanecas –máis de 7 anos–. Ademais, contarase cunha cuarta sección que baixo o título Carta Branca. Clermont-Ferrand ofrecerá unha escolla especial para Pequefilmes das mellores películas seleccionadas nas pasadas edicións do prestixioso festival francés de curtametraxes.
Premios do público
Tras o visionado das curtas, será o público o encargado de outorgar coas súas votacións os dous premios do Festival –nas seccións Miñocas e Fanecas– aos mellores traballos exhibidos. Con esta participación, Pequefilmes ofrécelles aos cativos vivir a experiencia de que o seu criterio sexa valorado á vez que se fomenta neles unha ollada crítica e curiosa, semente de futuros cinéfilos..
Obradoiros
A programación incluirá tamén obradoiros nos que os pequenos e pequenas descubrirán coas súas propias mans o funcionamento do cinema de animación dunha forma lúdica e práctica. Nestas actividades, todos os membros da familia compartirán a aprendizaxe de técnicas e conceptos fundamentais no proceso da creación cinematográfica e da animación, experimentando xuntos para rodar unha pequena animación en stop motion ou na construción dun proxector de cine caseiro.
Con esta oferta integral, abarcando todas as etapas da infancia, ofrécese a través dos obradoiros e das curtas seleccionadas unha pluralidade de temas, puntos de vista e historias, incidindo en numerosos aspectos sociais e éticos sen perder de vista nunca o divertimento, e adaptadas aos diferentes intereses e gustos dos máis pequenos da casa.