Nova: Ofrenda polo cuarto aniversario do falecemento de Xosé Neira Vilas

26/11/2019

Ofrenda polo cuarto aniversario do falecemento de Xosé Neira Vilas

Valentín García participa na ofrenda a Xosé Neira Vilas polo cuarto aniversario do pasamento do escritor

Vila de Cruces (Pontevedra), 26 de novembro de 2019.- Con motivo do cuarto aniversario do falecemento de Xosé Neira Vilas, ocorrido o 27 de novembro de 2015, o cemiterio parroquial de Gres, no que repousa, acolleu hoxe unha ofrenda na que participou o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, acompañado polo presidente da fundación depositaria da súa obra e continuadora do seu legado, Fernando Redondo, os integrantes do padroado e alumnado do CEIP estradense do Foxo.

Xosé Neira Vilas foi en vida e segue sendo, sen dúbida, un dos clásicos da literatura galega, na que destacou como autor inaugural da literatura infantil e xuvenil con Memorias dun neno labrego (a novela galega que contabiliza máis reedicións e traducións ata os nosos días). Deu ao prelo máis de 60 obras e exerceu de infatigable colaborador de prensa, así como de impulsor e colaborador asiduo de múltiples actividades de interese fundamental para lingua e para a cultura propias de Galicia.

Comparte