Nova: Berta Dávila recolle na Estrada o premio de novela Manuel García Barros

15/11/2019

Berta Dávila recolle na Estrada o premio de novela Manuel García Barros

O galardón, convocado co apoio da Consellería de Cultura e Turismo, recaeu nesta XXXI edición na novela Carrusel, da autora compostelá

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de entrega do premio celebrado no Teatro Principal

 

  • Berta Dávila Berta Dávila

A Estrada (Pontevedra), 15 de novembro de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, partipou este serán no Teatro Principal da Estrada na entrega do XXXI Premio de Novela Manuel García Barros á novelista e poeta Berta Dávila Fernández pola obra Carrusel. O galardón -dotado con 9000 euros e a publicación da novela- foi convocado polo Concello da Estrada coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo e da Editorial Galaxia.

Valentín García reparou no papel destacado das escritoras na literatura galega actual, “algo que queda patente tamén nos premios García Barros, que premiaron unha muller o ano pasado e outra este ano, ambas cunhas novelas de altísima calidade e con personaxes femininas dunha fondura psicolóxica francamente enriquecedora”.

Xunto con Valentín García interviñeron no acto o alcalde da Estrada, José López Campos; o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e a autora galardoada, Berta Dávila.

Berta Dávila

Berta Dávila Fernández (Santiago de Compostela, 1987) é a cuarta autora en gañar o Premio de Novela Manuel García Barros ao impoñerse o pasado mes de xullo, coa súa novela Carrusel, a unha vintena de narracións presentadas ao certame.

Poeta con libros como Corpo baleiro (2007) ou Raíz da fenda (2013) -Premio Johán Carballeira, Premio Nacional da Crítica Española e Premio AELG-, no eido da narrativa iniciouse con Bailarei sobre a túa tumba, Premio Biblos de novela 2008, e recibiu os premios Narrativa Breve Repsol e Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2013 por O derradeiro libro de Emma Olsen. No ano 2014 foi nomeada autora do ano pola Asociación Galega de Editoras.



Premio García Barros

Creado polo Concello da Estrada en 1989 coa intención de lle render homenaxe ao escritor que lle dá nome, o Premio de Novela Manuel García Barros foille entregado aos seguintes autores e autoras: Manuel Forcadela, Xosé Miranda, Manuel Riveiro, Xosé Ballesteros, Aníbal Malvar, Manuel Lourenzo, Xavier Queipo, Afonso Álvarez Cáccamo, María Gándara, Xosé Carlos Caneiro, Antón Riveiro Coello, Bieito Iglesias, Miguel Ángel Fernández, Xabier López, Xerardo Agrafoxo, Santiago Jaureguízar, Manuel Veiga, Francisco Castro, Xesús Constela, Xosé Monteagudo, Antón Lopo, Antonio Piñeiro, Santiago Lopo, Ángeles Sumai, Alberto Ramos, Manuel Portas, Miguel Sande, Marcos Calveiro, Ana Cabaleiro e, neste 2019, Berta Dávila.

 

Comparte