Nova: O CGAC conmemora o 25 aniversario do seu departamento de música co ciclo 'Territorio da Imaxinación'

06/11/2019
O CGAC conmemora o 25 aniversario do seu departamento de música co ciclo 'Territorio da Imaxinación'
As actividades rematan hoxe co concerto ‘Territorio da imaxinación II’ a cargo de músicos integrados no proxecto ‘Ensemble CGAC’
O director xeral de Políticas Culturais asiste a mesa redonda sobre a creación deste departamento, na que participa Manuel Rodeiro, director e fundador
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2019.- O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), que forma parte da rede de museos da Xunta de Galicia, conmemora o 25 aniversario do seu departamento de música co ciclo 'Territorio da Imaxinación'. Trátase dunha iniciativa que remata hoxe e que ten como finalidade revivir o espírito da creación deste departamento a través de concertos, conferencias e mesas redondas.
Despois do éxito acadado na xornada de onte, onde os máis pequenos puideron gozar dun concerto didáctico, que se repetiu hoxe, a programación continúa esta tarde cunha mesa redonda para afondar no proceso de creación deste departamento. O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asiste a este coloquio no que participan Mercedes Rosón e Margarita Ledo, impulsoras do departamento nos seus inicios, e Manuel Rodeiro, director e fundador do Departamento de Música do CGAC.
A clausura deste ciclo terá lugar ás 20,00 horas e correrá a cargo dun novo Ensemble CGAC, creado para a ocasión e composto por novos músicos formados baixo o ronsel do primeiro proxecto. Os integrantes desta formación ofrecerán, nun intenso mosaico, fragmentos e pezas programadas no momento da creación do departamento, engadindo unha peza do compositor Daniel Apodaka, como mostra do Centro Galego de Arte Contemporánea pola creación presente e futura.
O Departamento de Música, fundado por Manuel Rodeiro entre 1994 e 1995 por encargo de Antón Pulido, erixiuse en poucos anos nunha plataforma activa e nun modelo de xestión que conseguiu xuntar a innovación e a esixencia artística cun interese do público sen precedentes. Por este motivo volvéuselle pedir ao seu responsable que coordinase unha serie de actividades a fin de revivir en dúas intensas xornadas o espírito daquela aventura e renderlles unha homenaxe ás persoas e impulsos que a fixeron posible.