Nova: Letras Galegas 2019: 20º cabodano do pasamento do escritor Antonio Fraguas

05/11/2019
Letras Galegas 2019: 20º cabodano do pasamento do escritor Antonio Fraguas
Anxo M. Lorenzo participa na ofrenda floral con motivo do 20º cabodano do pasamento do escritor Antonio Fraguas
No acto, organizado polo Museo do Pobo Galego e pola Asociación do Traxe Galego, rendeuse tributo ao homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no cemiterio de Boisaca na ofrenda floral con motivo do 20º cabodano do pasamento de Antonio Fraguas organizada polo Museo do Pobo Galego e a Asociación do Traxe Galego.
O acto enmárcase na ampla programación que a Xunta desenvolveu ao longo do ano en colaboración con diferentes administracións e entidades culturais para divulgar e dar visibilidade ao Día das Letras Galegas, dedicado este ano a este autor.
Antonio Fraguas foi membro do Seminario de Estudos Galegos e das Irmandades da Fala, así como director do Museo do Pobo Galego e Cronista Xeral de Galicia. Así mesmo, foi un estudoso da realidade cultural desde diferentes ámbitos e destacou no eido da antropoloxía, onde os seus traballos contribuíron decisivamente ao coñecemento da cultura popular e ao afondamento da nosa identidade.