Nova: 'Un mar de grazas' arredor da ruta xacobea na Costa da Morte

25/10/2019
'Un mar de grazas' arredor da ruta xacobea na Costa da Morte
Román Rodríguez destaca a capacidade da Ruta Xacobea para dinamizar a economía da Costa da Morte
O conselleiro de Cultura e Turismo participou no evento ‘Un mar de grazas’ organizado pola asociación Solpor no que participaron preto de 200 profesionais
A iniciativa inclúese en ‘O teu Xacobeo’, o programa posto en marcha pola Xunta para involucrar a todos os galegos na celebración do vindeiro Ano Santo
Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou hoxe en Santiago no evento Un mar de grazas no que salientou a capacidade da Ruta Xacobea para dinamizar a economía da Costa da Morte e agradeceu o traballo que realizan todos os empresarios ligados ao Camiño de Santiago. Este evento, que reuniu a preto de 200 profesionais para poñer en valor os recursos do Camiño de Fisterra e Muxía, está impulsado pola asociación Solpor co apoio da Xunta de Galicia a través de O teu Xacobeo, o programa do Goberno autonómico para involucrar á cidadanía na celebración do vindeiro Ano Santo.
Á cita, promovida polo presidente da asociación, Jesús Picallo, converteuse nun lugar de encontro para todos os empresarios da Costa da Morte ligados a este itinerario xacobeo e serviu para agradecer o esforzo dos propietarios de aqueles negocios que teñen asentada a súa actividade na Ruta Xacobea. Neste sentido, o titular de Cultura e Turismo felicitou aos asistentes pola súa “motivación e esforzo” e agradeceulles a súa labor no recibimento e trato cos peregrinos.
“A vosa historia ten moito que ver coa dos miles de peregrinos que chegan a Compostela e por iso, en nome da Xunta de Galicia, quero darvos as grazas porque o voso esforzo é o que fai posible que Galicia sexa hoxe un destino elixido por milleiros de peregrinos e visitantes”, afirmou Román Rodríguez quen, ademais, invitou a todos os asistentes a seguir traballando para conseguir que Galicia chegue a celebración do Xacobeo 21 “na súa mellor versión”.
De xeito complementario ao evento Un mar de Grazas, o Hostal dos Reis Católicos acolleu un workshop no que máis de 60 empresas e colectivos procedentes do Camiño de Fisterra e Muxía amosaron as súas propostas.
Incremento da demanda turística
A zona da Costa da Morte vén de rexistrar o pasado verán un comportamento positivo na demanda hoteleira que se traduce nun incremento de máis dun 6% no número de viaxeiros. Ademais, nos meses estivais tamén se experimentou un crecemento no volume de noites que, con preto de 100.000, supón unha variación do 10,5% en relación ao pasado ano.
Este incremento está acompañado polas boas cifras no número de peregrinos. Ao longo deste ano xa se entregaron máis compostelas que no ano 2018. O Camiño de Fisterra e Muxía ocupa un lugar destacado, xa que se estima que catro de cada dez peregrinos que chegan a Santiago de Compostela continúan o seu percorrido cara Fisterra e Muxía.