Nova: Ourense celebra o Día da Biblioteca cun concurso literario e fotográfico e un contacontos para bebés

24/10/2019
Ourense celebra o Día da Biblioteca cun concurso literario e fotográfico e un contacontos para bebés
Díaz Mouteira destaca a achega da Biblioteca Pública aos coñecementos e á cultura da sociedade ourensá
A delegada territorial en Ourense visitou as instalacións actuais con motivo do Día da Biblioteca, conmemoración que este ano coincide cos traballos de traslado cara a súa nova sede no complexo de San Francisco
A programación de actividades inclúe un concurso literario e fotográfico e un contacontos para bebés
Ourense, 24 de outubro de 2019.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acudiu hoxe á Biblioteca Pública con motivo do Día da Biblioteca. Este ano esta efeméride coincide cos traballos iniciados a primeiros deste mes do equipamento e do fondo bibliográfico desta biblioteca desde a sede actual, na rúa Concello, cara o seu novo emprazamento, no complexo de San Francisco, que se prevén que estean rematados a finais de novembro. Na visita Marisol Díaz estivo acompañada pola xefa territorial de Cultura e Turismo, Sandra Quintas, e pola directora da biblioteca, Rosa Díaz.
A Biblioteca Pública de Ourense organizou un programa de actividades que inclúe un concurso literario e fotográfico, un contacontos para bebés e o sorteo dunha invitación dobre para asistir á inauguración das novas instalacións entre aqueles usuarios que fagan algún préstamo durante a xornada de hoxe. Ademais, todos os usuarios que recollan un libro hoxe recibirán un agasallo.
En opinión de Díaz Mouteira, as bibliotecas, en tanto que portas de acceso aos coñecementos e á cultura, desempeñan unha función fundamental na sociedade. “Os recursos e os servizos que ofrecen dan a oportunidade de aprender, serven como apoio á alfabetización e á educación, e axudan a dar forma ás novas ideas e perspectivas que son vitais dentro dunha sociedade creativa e innovadora”, indicou. Ao fío disto, engadiu que garanten a existencia dun rexistro auténtico dos coñecementos creados e acumulados polas xeracións pasadas polo que concluíu que “de non existir as bibliotecas, sería difícil avanzar na investigación e preservar os coñecementos acumulados e o patrimonio cultural para as xeracións futuras”.
A delegada territorial agradeceu o traballo do persoal da Biblioteca Pública de Ourense que garda unha colección de 193.168 documentos (uns 160.000 libros, 16.600 documentos audiovisuais e 4.000 revistas e xornais), dos que case 7.000 son anteriores ao século XX.
A biblioteca ourensá conta con 38.210 socios e durante o pasado ano rexistrou 81.775 préstamos de libros e 19.322 de documentos audiovisuais. Ao longo de 2018 na súas instalacións organizáronse 353 actividades dirixidas a persoas de todas as idades e moi diversas, desde o Chiquiclub e o obradoiro de cómic, para os máis pequenos, ata os clubs de lectura en francés, galego ou de poesía hispanoamericana para os adultos, entre outras.
Desde hai 22 anos, e co obxectivo de poñer en valor e dar a coñecer o labor das bibliotecas, os seus servizos e dos profesionais que traballan nelas, o día 24 de outubro conmemórase o Día da Biblioteca, por iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro infantil e xuvenil.
Peche previsto para o 4 novembro
O traslado dos fondos bibliográficos e do resto do equipamento da biblioteca se está a realizar de xeito progresivo mediante un cronograma que se está a cumprir sen problemas e que garante a axilidade da actuación e as mínimas consecuencias aos usuarios trasladando dende o día 4 de novembro, data na que está previsto o peche da totalidade das instalacións, as actividades ao Espazo Xove. Cómpre lembrar que o último día para préstamos de adultos será o 2 de novembro.
Unha vez remate o traslado, prevese que durante o mes de decembro abra as súas portas a nova biblioteca no complexo de San Francisco e que os “cidadáns poidan dispoñer desta dotación máis moderna e da máxima calidade”, indicou a delegada territorial.