Nova: Gran estrea no FIOT de Carballo: ‘O Electo’

23/10/2019

Gran estrea no FIOT de Carballo: ‘O Electo’

Contraproducións e o Grupo Focus ofrecen outra das estreas absolutas do FIOT de Carballo con este espectáculo

A Xunta e o festival participan tamén nesta coprodución entre a compañía de Cándido Pazó e Belén Pichel e unha das principais produtoras a nivel estatal

Manu Baqueiro e Antonio Mourelos, quen debuta no teatro tras 20 anos de traxectoria como actor, protagonizan a comedia que poderá verse no Pazo da Cultura carballés o venres 25 e o sábado 26

 

Carballo (A Coruña), 23 de outubro de 2019.- A compañía galega Contraproducións e o Grupo Focus, unha das principais empresas teatrais a nivel estatal, protagonizan esta fin de semana outra das estreas absolutas do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo co espectáculo O electo. A súa coprodución, que conta tamén coa participación da Xunta de Galicia e da propia mostra carballesa, poderá verse no Pazo da Cultura este venres 25, ás 21,00 h., e o sábado 26, ás 20,30 h.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, interveu este mediodía na presentación desta comedia, dirixida por Cándido Pazó e interpretada por Manu Baqueiro e Antonio Mourelos, no que é o debut teatral deste último despois de 20 anos de traxectoria como actor de cinema e televisión. Todos eles compartiron escenario co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e a directora de produción de Contraproducións, Belén Pichel, para lles avanzar aos medios os detalles da montaxe.

Sutil felicitou o FIOT por acoller unha nova estrea galega, que se suma á que a primeiros de mes levou a cabo PT Excéntricas con Medida x medida. Tamén como nese caso, O electo conta tanto co apoio da Consellería de Cultura e Turismo como coa implicación do festival en calidade de entidade coprodutora.

Percorrido polos escenarios españois

Ademais, o director da Agadic incidiu na expansión que terá esta proposta de Contraproducións coa entrada no proxecto do Grupo Focus, unha das principais sociedades empresariais a nivel estatal no ámbito da distribución de espectáculos, da xestión de teatros e da comunicación e organización de eventos culturais. Para Sutil, que unha compañía como Focus aposte por esta coprodución implica unha gran confianza no teatro galego e nas súas posibilidades de proxección exterior.

Ramón Madaula asina o texto orixinal desta peza, na que un recentemente elixido presidente se enfronta a un inesperado problema cando un tic nervioso ameaza con poñer en perigo o seu discurso de investidura. Cando un psiquiatra acode para atendelo, iníciase entre eles unha divertida e incisiva batalla dialéctica sobre as motivacións que levan a alguén a querer ser o presidente do seu país.

Manuel Riveiro, como autor da música; Dani Trillo, da escenografía; Afonso Castro, do deseño da iluminación; e Belén Pichel, do vestiario, completan o equipo artístico desta coprodución que, ademais de nos escenarios galegos, poderá verse en teatros de toda España na súa versión en castelán.



 

Comparte