Nova: A fundación Camilo José Cela amplía os seus fondos coa doazón dun retrato por parte da familia Beiró

04/10/2019
A fundación Camilo José Cela amplía os seus fondos coa doazón dun retrato por parte da familia Beiró
O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu ao acto de entrega da obra que poderá ser visitada desde hoxe na casa museo de Iria Flavia
Padrón (A Coruña), 4 de outubro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu ao acto de doazón dun retrato de Camilo José Cela coa sinatura do Premio Nobel por parte da familia Beiró á Fundación Pública Galega Camilo José Cela.
O cadro, cunhas dimensións de 95x77 centímetros, foi realizado ao óleo no casino padronés polo pintor Manuel Beiró Buxán en 1972 e unirase aos amplos fondos dos que dispón a Fundación, fundada polo propio escritor e encargada de custodiar e conservar o legado do Nobel de Literatura. Un rico patrimonio constituído por fondos documentais, arquivos fotográficos, biblioteca, pinacoteca, manuscritos e colección epistolar entre outros.
Anxo M. Lorenzo, agradeceu á familia do pintor, xa falecido, a doazón desta obra que pode ser visitada desde hoxe na casa museo de IriaFlavia.