Nova: A Xunta ratifica o seu compromiso de seguir impulsando O Marisquiño como referente europeo da cultura urbana

09/08/2019

A Xunta ratifica o seu compromiso de seguir impulsando O Marisquiño como referente europeo da cultura urbana

O conselleiro de Cultura e Turismo, o secretario xeral para o Deporte e a delegada territorial do Goberno galego en Vigo visitaron hoxe o recinto do festival

Destacaron a proxección internacional do evento e remarcaron a súa importancia como unha das citas imprescindibles do verán na Comunidade

O Goberno galego triplicou este ano a súa achega económica ata acadar os 120.000 euros, cumprindo o 100% da solicitude formulada pola organización

Vigo, 9 de agosto de 2019.- A Xunta destacou hoxe o seu compromiso para seguir impulsando O Marisquiño como un evento referente a nivel europeo no ámbito da cultura urbana. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e a delegada territorial do Goberno galego en Vigo, Corina Porro, visitaron o recinto do festival que se desenvolve esta semana na cidade.

Tras o seu percorrido, salientaron que o Goberno galego triplicou este ano a achega económica a este evento ata acadar os 120.000 euros, cumprindo o 100% da solicitude formulada pola organización. Subliñaron, ademais, a proxección social desta cita que se retransmite en directo a máis de medio centenar de países e que conta cun aforo aproximado de 160.000 persoas, das cales aproximadamente o 30% proceden de fóra de Galicia.

O evento reúne durante tres días máis de dez competicións deportivas así como diferentes eventos culturais como exhibicións de graffiti ou música en directo ao aire libre e de xeito gratuíto. Entre as actividades que contan cun apoio directo da Xunta destaca o torneo de baloncesto 3x3 FIBA Satellite, no que o Xacobeo 21 terá unha importante presencia, e que será clasificatorio para competir no Open Ljubijana Challenger 2019.

Cine con 'O teu Xacobeo'

Ademais, durante os tres días do festival permanecerá instalada na zona do Tinglado do Porto a autocaravana de Festivaliño on the Road, un dos 352 proxectos cofinanciados pola Xunta no marco do proxecto O teu Xacobeo para a posta en marcha de diferentes iniciativas de dinamización en concellos relacionadas co vindeiro Ano Santo.

Grazas a esta iniciativa, máis de 5.000 nenos galegos participaron xa nalgunha das máis de 20 proxeccións de curtas, obradoiros ou actividades pensadas para achegarlle o mundo do audiovisual aos máis cativos. A caravana de Festivaliño on the Road estará en Vigo venres, sábado e domingo en horario de mañá de 11,30 a 14,00 horas e pola tarde de 16,30 a 20,00 horas.

Comparte