Nova: A novena edición do 'Cidade Imaxinaria' encherá o Gaiás de espectáculos acrobáticos, teatro e mesmo un circo de bechos xigantes
07/08/2019
A novena edición do 'Cidade Imaxinaria' encherá o Gaiás de espectáculos acrobáticos, teatro e mesmo un circo de bechos xigantes
A Cidade da Cultura será durante a tarde do sábado 24 de agosto o escenario de catro horas ininterrompidas de diversión ao aire libre e de balde
Malabaristas e acróbatas, hipopótamos bailaríns, xogos de enxeño, marionetas que cobran vida e a Escola de saltimbanquis converteranse nos protagonistas dunha actividade que tamén inclúe un espazo sensorial para bebés, zonas de petiscos para a merenda e unha multitudinaria coreografía final
Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2019.- A Xunta de Galicia celebra o vindeiro sábado 24 de agosto unha nova edición do festival Cidade Imaxinaria, convidando as familias a gozar dunha tarde lúdica ao aire libre, con entrada de balde, que transforma o complexo do Gaiás nun sorprendente mundo de fantasía.
Visitar o incrible circo de bechos xigantes do dr. Mezzo, converterse nunha marioneta de carne e óso controlada por dedos mecánicos, abraiarse con extraordinarios saltos, voos e viravoltas que quitan o alento ou compartir danza e risos con tres simpáticos hipopótamos azuis. Estas son só algunhas das propostas da que é xa unha das citas clásicas da programación da Cidade da Cultura –con dúas edicións anuais celebradas en primavera e verán–. Na Cidade Imaxinaria, os máis pequenos da casa poderán gozar de catro horas ininterrompidas de diversión –de 16,00 a 20,00 horas– garantida polos malabaristas, equilibristas, saltimbanquis, clowns e outras fabulosas personaxes que invadirán o Gaiás.
A programación de espectáculos de acrobacias, teatro ou marionetas –fixos e itinerantes por todo o complexo– complétase con xogos de enxeño e outros espazos lúdicos pensados para deixar voar a imaxinación da cativada. Ademais, como novidade desta edición, Cidade Imaxinaria despedirá a tarde cunha multitudinaria coreografía grupal na que todo o público está convidado e participar. Para poder dalo todo na pista de baile, ao longo da tarde desenvolverase un obradoiro no que aprender os sinxelos pasos que despois centos de persoas interpretarán de xeito conxunto guiadas por un grupo de bailaríns e bailarinas.
Escola de saltimbanquis e espazo para bebés
A xa tradicional Escola de saltimbanquis da Cidade Imaxinaria non faltará tampouco á súa cita co agosto compostelán e volverá despregar os seus catro espazos para deixar saír sen medo o intrépido acróbata que todo neno leva dentro: zona de malabares, zona acrobática, zona de aéreos e zona de equilibrios.
A programación da tarde complétase cun espazo para bebés de 0 a 3 anos, con diversos xogos e instalacións de estimulación sensorial, e zonas de descanso nas que repor enerxías, con postos de bebida e petiscos doces e salgados para a merenda.
Como vén sendo habitual, e para facilitar que as familias se acheguen a esta tarde festeira, contarase cun reforzo no servizo de autobuses –que se suma ás habituais liñas 9 e 11– que conecta o Gaiás co centro de Compostela. Ademais, no caso de chuvia os espectáculos trasladaranse a espazos no interior do Museo Centro Gaiás e do Edificio CINC para que todas as persoas que se acheguen poidan gozar ao enxoito desta programación lúdica. Toda a información sobre Cidade Imaxinaria pode consultarse en cidadedacultura.gal