Nova: A exposición 'Crecer co Mar' repasa o impacto da actividade pesqueira e da industria conserveira de Bueu

06/08/2019
A exposición 'Crecer co Mar' repasa o impacto da actividade pesqueira e da industria conserveira de Bueu
A mostra, inaugurada hoxe polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, pode visitarse no Museo Massó da vila pontevedresa
Bueu (Pontevedra), 6 de agosto de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe á inauguración da exposición Crecer co Mar. Os gozos e as sombras dunha vila mariñeira, unha mostra instalada no Museo Massó de Bueu que repasa o desenvolvemento deste concello pontevedrés como vila mariñeira.
O responsable de Políticas Culturais da Xunta subliñou que a exposición “recolle á perfección” o impacto da actividade pesqueira e da industria conserveira na configuración histórica do municipio, centrándose no desenvolvemento experimentado pola vila a finais do século XIX e a principios do século XX.
Con todo, a mostra remóntase aos primeiros séculos da nosa era, cando Bueu desenvolveu un centro industrial e portuario vinculado coa transformación do peixe e a produción e comercialización de ánforas. A exposición amosa como tras a caída do Imperio Romano a poboación da vila abandonou a franxa costeira ata a recuperación plena da actividade pesqueira e industrial no século XIX.
De feito, a mostra recolle o papel da empresa creada pola familia Massó como unha das responsables de que Bueu volvese a ocupar no século XX un posto relevante no sector conserveiro, favorecendo o desenvolvemento da vila.