Nova: Satisfacción polo recoñecemento da Reconquista de Vigo como Festa de Interese Turístico Nacional

18/07/2019
Satisfacción polo recoñecemento da Reconquista de Vigo como Festa de Interese Turístico Nacional
Alberto Núñez Feijóo salientou que se trata dun “orgullo para os vigueses e para toda Galicia” e lembrou o “apoio decisivo e permanente” do Goberno galego
A Xunta seguirá colaborando con este evento, agora cunha achega de alomenos 25.000 euros, aos que se lle poderán sumar outros 10.000
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou hoxe a súa satisfacción polo recoñecemento da Reconquista de Vigo como Festa de Interese Turístico Nacional, unha distinción que ostentan en total 12 celebracións da Comunidade. “Trátase dun orgullo para todos os vigueses e para toda Galicia”, destacou.
O titular do Executivo galego subliñou que este recoñecemento permite culminar o proceso emprendido nos últimos anos nos que a Xunta sempre mantivo un apoio “decisivo e permanente” asesorando aos organizadores na consecución deste título. De feito, o Goberno galego remitiu o pasado mes de maio ao Goberno central o informe favorable sobre esta declaración, o último paso para acadar esta distinción.
Tras a súa declaración como Festa de Interese Turístico Nacional, a Xunta seguirá colaborando con este festexo, agora cunha achega de alomenos 25.000 euros no marco dos convenios que Goberno galego asina todos os anos coas festas desta categoría. A estas cantidades súmanse outros 10.000 euros opcionais a disposición dos organizadores que así o soliciten.
A Reconquista convértese así na primeira celebración da cidade olívica en acadar esta distinción e a quinta da provincia de Pontevedra tras a Feira do Cocido de Lalín; a Exaltación do Marisco, no Grove; as Festas Patronais de San Roque, en Vilagarcía de Arousa, e a Festa da Lamprea, en Arbo.
O titular da Xunta subliñou que este recoñecemento exemplifica como as festas galegas son “un dos maiores patrimonios turísticos” cos que conta a Comunidade e un motivo de orgullo para toda Galicia.