Nova: 200.000 euros para apoiar a edición de libros en galego

17/07/2019

200.000 euros para apoiar a edición de libros en galego

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas, grazas ás que se traducirán ao galego 62 títulos e outros 22 do galego a outras linguas

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2019.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas para o libro galego no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

Tal e como recolle a resolución, traduciranse ao galego 62 títulos e outras 22 obras a linguas como o castelán, inglés, italiano e francés, grazas a un investimento por parte da Xunta de Galicia de 200.000 euros, que tamén permite financiar outros gastos tales como o deseño e maquetación, preimpresión, impresión e manipulación das obras.

Estas axudas teñen como obxectivo continuar apoiando a edición do libro en galego e que se poidan atopar na nosa Comunidade e na nosa lingua os textos significativos producidos no exterior, ao mesmo tempo que os autores da terra conten con vías para exportar a súa produción. Ademais, colaborar na edición destes libros é unha medida necesaria para conseguir a publicación e comercialización do libro, o que contribúe ao enriquecemento do patrimonio bibliográfico galego.

Comparte