Nova: Serán’02’ despídese cun espectáculo de 160 artistas que fusiona bandas de música, corais e ritmos tradicionais

30/06/2019
Serán’02’ despídese cun espectáculo de 160 artistas que fusiona bandas de música, corais e ritmos tradicionais
Ao longo da fin de semana actuaron máis de medio milleiro de intérpretes en 17 concertos e espectáculos dalgunhas das mellores bandas de música galegas
Os asistentes gozaron na Cidade da Cultura dun programa enteiramente de balde con feira, obradoiros de baile, talleres infantís, concertos ou masterclasse
A Banda de Música de Salceda de Caselas, que foi elixida no certame Innova-Agadic de proxectos musicais innovadores, pechou o evento
O encontro, coas bandas de música como grandes protagonistas, foi dirixido por Quique Peón e contou co apoio da FGBMP, Agadic e Gadis
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2019.- Máis de medio milleiro de intérpretes de bandas de música de toda Galicia déronse cita esta fin de semana no Gaiás para participar no Serán’02: II Encontro Galego de Cultura Popular. O evento, promovido pola Xunta para impulsar e pór de relevo a cultura galega de base, pechou o seu programa esta tarde cunha suite tradicional galega interpretada pola Banda de Música de Salceda de Caselas. O espectáculo, titulado Saliceta, reuniu sobre as táboas a máis dun cento de músicos nunha fusión de música coral e tradicional co repertorio da banda. Saliceta foi elixido no concurso Innova-Agadic de proxectos que exploran novos escenarios musicais e culturais.
O Serán’02 pechou tres días dun intenso programa de actividades coas bandas de música como protagonistas. O encontro estivo dirixido por Quique Peón e contou coa colaboración da Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) e Gadis.
Esta segunda edición do Encontro Galego de Cultura Popular quixo pór de relevo o importante papel das bandas de música na cultura galega de base, tanto pola súa relevancia artística como polo labor social e docente que desenvolven, formando no seu seo ás novas xeracións de músicos. Segundo datos da FGBMP, en Galicia conta a día de hoxe con máis dun cento de agrupacións que aglutinan a uns 8.000 músicos e nas que aprenden música arredor de 5.000 nenos.
Concertos de primeiro nivel
O programa do encontro incluíu concertos dalgunhas das mellores bandas galegas, entre eles un man a man entre as dúas únicas bandas municipais profesionais de Galicia –A Coruña e Santiago de Compostela–, un concerto da Unidade de Música do Tercio Norte de Infantería de Marina de Ferrol, así como concertos de numerosas formacións infantís e xuvenís. Outro dos pratos fortes do encontro foi o Baile Irmandades da Fala, un espectáculo ambientado a comezos do século XX para danzar na Praza Central do Gaiás ao son das bandas de Lalín, Valladares, Santa Cruz de Ribadulla e A Lira de Ribadavia, e das charangas tradicionais de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos. Ao longo da noite repartíronse premios ao mellor vestiario e á parella de baile que demostrou unha maior destreza e habilidade nesta noite festeira.
Programa para todo tipo de público
O Serán’02 propúxose dirixirse a todo tipo de público, fose ou non parte do sector das bandas de música, polo que incluíu contidos de tipo profesional –como clases maxistrais, conferencias e mesas redondas– e outros dirixidos a un público xeral e familiar. Ademais de gozar dos concertos e espectáculos programados, as persoas asistentes puideron visitar o recinto feiral do encontro, cunha vintena de expositores, e participar en obradoiros de baile agarrado cos mestres Xisco Feijoo e Suso Cancelas e en talleres de fabricación de instrumentos con materiais de refugallo dirixidos á cativada. O evento desenvolveuse en distintos espazos do complexo do Gaiás como o auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro ou o Museo.
O Serán: Encontro Galego de Cultura Popular naceu en 2018 impulsado pola Xunta de Galicia como un evento de primeira orde, con vocación de consolidarse no tempo como unha gran plataforma destinada a reunir, protexer e pór de relevo todas as iniciativas que xorden no seo da cultura popular, dedicando as súas edicións sucesivas a diversas manifestacións da nosa cultura de base. A primeira edición deste Encontro Galego de Cultura Popular estivo centrada no baile e música tradicional con motivo da súa declaración como Ben de Interese Cultural, cuxa tramitación se iniciaba en abril do pasado ano coa incoación do expediente.