Nova: As mostras 'We Refugees' e 'Twenty Red Lights' conforman as novas propostas estivais do CGAC

28/06/2019

As mostras 'We Refugees' e 'Twenty Red Lights' conforman as novas propostas estivais do CGAC

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación destas dúas exposicións que reflexionan sobre temas globais como o fluxo de refuxiados ou o actual sistema económico

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación das mostras We Refugees e Twenty Red Lights, as dúas novas propostas estivais do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

Ambas exposicións, tal e como precisou o director xeral de Políticas Culturais, reflexionan dun xeito complexo sobre temas globais como o fluxo de refuxiados ou o sistema económico. No caso de We Refugees, cómpre destacar que se trata dunha mostra colectiva comisariada por Piedad Solans e polo director do CGAC, Santiago Olmo, e que revive, a través da obra de 19 artistas internacionais, a historia do exilio, do asilo e do refuxio político.

Twenty Red Lights, do artista catalán Max de Esteban e comisariada por Diana Padrón, toma o seu título dunha frase da canción Far Away Eyes, dos Rolling Stones, para diseccionar as implicacións do financiamento dixital da economía. En palabras da propia comisaria, trátase dun tema “de suma importancia no contexto da nosa cultura global que merece unha reflexión rigorosa desde a arte ou o pensamento crítico á hora de pensar noutras redes e confluencias posibles". Esta exposición complétase co vídeo 20 Red Lights & The Exterminating Angel, onde se presentan catro entrevistas realizadas a diversos axentes de Wall Street.

Ambas mostras serán inauguradas hoxe, as 20,00 horas, e poderán visitarse ata o 29 de setembro, no caso de Twenty Red Lights, e ata o 13 de outubro, no caso de We Refugees, en horario de 11,00 a 20,00 horas.

Comparte