Nova: O Instituto Cervantes de Nova York acolle desde hoxe unha exposición sobre o Camiño de Santiago

26/06/2019
O Instituto Cervantes de Nova York acolle desde hoxe unha exposición sobre o Camiño de Santiago
A Comisaria do Xacobeo 2021 inaugurou a mostra do fotógrafo Manuel Valcárcel coa que a Xunta e Correos divulgan e promoven o Ano Santo
Enmárcase no ‘Galician Cinema & Food Festival’, que conta co apoio da Consellería de Cultura e Turismo e que incluíu unha degustación de gastronomía inspirada na Ruta Xacobea a cargo da chef galega Estrela Michelin Lucía Freitas
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2019.- A Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, inaugurou hoxe no Instituto Cervantes de Nova York a exposición itinerante do fotógrafo Manuel Valcárcel The Way to Santiago. A contemporary experience of pilgrimage coa que a Xunta e Correos están a promover de xeito itinerante en varias cidades estadounidenses tanto o Xacobeo 2021 como os valores e riqueza da experiencia da peregrinación na Ruta Xacobea.
A exposición foi inaugurada ante diferentes turoperadores, prensa especializada e público en xeral, que puideron coñecer as fotografías e material audiovisual desta mostra que xa pasou por Boston e Chicago e que poderá verse no Instituto Cervantes de Nova York ata o 21 de xullo. Durante o acto tamén tivo especial protagonismo a gastronomía do Camiño de Santiago a través dunha degustación inspirada na ruta xacobea a cargo da Estrela Michelin Lucía Freitas.
Tanto a exposición como a degustación están incluídas na programación do Galicia Cinema & Food Festival, un evento de promoción de Galicia que este ano conta co apoio da Consellería de Cultura e Turismo a través de diferentes actividades especialmente centradas no Xacobeo 2021 e o Camiño de Santiago. De feito incluirá tamén a proxección do filme Strangers on the Earth – A Journey on the Camino de Santiago do director Tristan Cook, con temática xacobea no último día do evento no Instituto Cervantes, que estenderá a súa emisión nos centros galegos de Nova York e Nova Jersey.
Coa posta en marcha desta iniciativa, a Xunta continúa a reforzar a divulgación e difusión do Xacobeo 2021 e o Camiño de Santiago en diferentes lugares do mundo. Neste caso, estas accións contribuirán a reforzar o coñecemento da Ruta Xacobea en Estados Unidos, que se está a consolidar como o terceiro país estranxeiro do que proveñen máis peregrinos, só por detrás de Italia e Alemaña.