Nova: Máis apoio para a Festa do Corpus Christi de Ponteareas

13/06/2019
Máis apoio para a Festa do Corpus Christi de Ponteareas
Apoiaranse distintas accións de loxística e promoción, iluminación, son e imaxe, materiais para alfombristas ou actividades de animación, entre outras
Tamén se incorpora a campaña de sensibilización fronte á violencia sexual en espazos públicos: ‘Agresionoff, eu digo non á violencia sexual’
A Xunta reforza así o seu apoio a esta festividade, unha das 11 Festas de Interese Turístico Internacional e dá resposta ao seu compromiso por traballar coas administracións locais e potenciar os recursos singulares da Comunidade
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2019.- A Consellería de Cultura e Turismo incrementa este ano a súa colaboración coa Festa do Corpus Christi de Ponteareas, unha das 11 de Interese Turístico Internacional coas que conta Galicia e que este ano recibirá un impulso económico de 60.000 euros por parte do Goberno galego.
Este investimento contribuirá á súa celebración con distintas accións de loxística e promoción, iluminación, son e imaxe, gastos de flor e recollida de materiais para alfombristas, actividades de animación infantil, carrozas, actuacións musicais e diferentes actividades promocionais desta festa que reunirá o 22 e 23 de xuño a milleiros de visitantes nesta localidade pontevedresa e será un importante aliciente para o resto da contorna do xeodestino Condado-A Paradanta.
Tamén se incorporará como novidade a cobertura dos gastos da posta en marcha da campaña de información e sensibilización fronte á violencia sexual en espazos públicos: Agresionoff, eu digo non á violencia sexual. A campaña desenvólvese no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, en virtude do cal, a Consellería de Cultura e Turismo e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza acordaron colaborar este ano cunha liña de axudas específica a incluír na colaboración habitual que se fai coas festas de interese turístico.
A colaboración coas Festas do Corpus Christi de Ponteareas enmárcase no obxectivo da Consellería de Cultura e Turismo por impulsar o enfoque turístico do patrimonio inmaterial, onde as festas de interese turístico ocupan un lugar central. Tamén dá resposta ao seu compromiso por traballar coas administracións locais e potenciar os recursos singulares da Comunidade. As celebracións do Corpus de Ponteareas son unhas das máis características de Galicia e se inclúen entre as máis de 140 que contan co recoñecemento turístico.