Nova: Medio milleiro de persoas participan na Cidade da Cultura na ‘Holi Gaiás’, unha carreira divertida con música e poeira de cores

08/06/2019

Medio milleiro de persoas participan na Cidade da Cultura na ‘Holi Gaiás’, unha carreira divertida con música e poeira de cores

A competición de carácter familiar e lúdico desenvolveuse polo complexo arquitectónico e zonas verdes do Gaiás e contou cunha categoría para a cativada

A directora-xerente da Cidade da Cultura deu o pistoletazo de saída e participou na entrega das medallas aos gañadores das dúas categorías

A terceira edición desta actividade estivo patrocionada por Viaqua e contou coa colaboración da Fundación USC Deportiva, Federación Galega de Atletismo e Coca-Cola European Partners

 

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2019.- Medio milleiro de persoas, entre elas moita cativada, participaron hoxe na divertida carreira da Holi Gaiás, unha competición lúdica, de carácter familiar, amenizada con música de baile e co lanzamento dunha poeira colorista. Trátase dunha actividade deportiva, pensada para que se pasar unha mañá de sábado e en contacto coa natureza.

Patrocinada por Viaqua e coa colaboración da Fundación USC Deportiva, Federación Galega de Atletismo e Coca-Cola European Partners, a Holi Gaiás trouxo á Cidade da Cultura o seu espírito festivo na que o importante non é gañar, senón celebrar as últimas semanas dunha estación como a primavera cunha explosión de música e de cores, inspirada no festival Holi da India.

Esta competición cumpre a súa terceira edición, tras o éxito das dúas anteriores, nas que tamén a participación estivo aberta á cativada, que contou cunha categoría específica. En ambos casos, as persoas inscritas deberon percorrer, a partir das 12 horas, 5 quilómetros que incluiron o Bosque de Galicia —ampliado o pasado verán a 34 hectáreas— e o complexo arquitectónico, cun novo espazo exterior do Xardín do Teatro. Esta área verde conta con 11.574 metros cadrados, nos que están plantadas especies botánicas procedentes de diferentes partes do mundo, un auditorio ao aire libre, estanques e áreas de lecer para gozar de actividades como a Holi Gaiás, na que se conxugou deporte e natureza.

Música e poeira de cores

A pesar do carácter lúdico e non competitivo —no que os participantes se viron enchoupados nunha poeira de cores mentres corren animados pola música— as persoas máis veloces da Holi Gaiás viron recoñecida a súa destreza. Así, os tres primeiros e primeiras de cada categoría recibiron a súa respectiva medalla, en cuxa entrega participaron a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; a responsable de Comunicación de Viaqua, Sonia Delpont Vázquez; o xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida Otero; e o delegado da Federación Galega de Atletismo en Santiago, Iván Sanmartín Carreira.

Comparte