Nova: O 'I Obradoiro de Novela Cidade da Cultura' capta novo talento literario

07/06/2019

O 'I Obradoiro de Novela Cidade da Cultura' capta novo talento literario

Escritores cunha traxectoria recoñecida dentro e fóra de Galicia como Xabier Quiroga, Miguel Anxo Fernández ou Arantza Portabales, entre outros, foron os encargados de formar os e as aspirantes a novelistas

O curso desenvolveuse en nove sesións celebradas entre marzo e xuño de 2019 no Gaiás e co-organizado coa axencia literaria Rolling Words

  • Obradoiro de Novela da Cidade da Cultura Obradoiro de Novela da Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2019.- A Fundación Cidade da Cultura de Galicia clausurou hoxe a primeira edición do Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, unha actividade pensada para apoiar o talento de novos valores na literatura galega, na que participaron vinte aspirantes a escritores. Ao longo de tres meses aprenderon da man de autores e autoras de éxito, como Xabier Quiroga, Miguel Anxo Fernández ou Arantza Portabales, e contaron co apoio da axencia literaria profesional Rolling Words, que lles brindou a súa experiencia no mundo da edición da man da súa directora Lourdes Díaz e do xornalista e escritor Javier Peña, ambos co-directores desta actividade.

No acto de peche e entrega de diplomas celebrado esta tarde na Biblioteca de Galicia, a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, destacou o papel do Gaiás como espazo de traballo, de programación e tamén de formación e aprendizaxe. Coa nosa programación, apuntou “propoñémonos a difusión e conservación da nosa cultura e a formación dunha comunidade artística vibrante, atendendo non só a autores de referencia, senón tamén a novos talentos ou á cultura de base”.

Vázquez Reboredo quixo trasladar os seus parabéns aos participantes dunha actividade que, sinalou, “agardo fose proveitosa e enriquecedora e contribuíra nalgunha medida a darvos ferramentas coas que desenvolver todo o voso talento e potencial que agardo se materialice moi pronto na vosa primeira novela”.

Precisamente nesta derradeira sesión celebrada hoxe, os participantes realizaron unha posta en común do primeiro capítulo, ou as primeiras páxinas, do seu proxecto de novela. Lourdes Díaz, fundadora e directora de Rolling Words, axencia especializada na captación e exportación do talento literario da nosa comunidade, destacou “a calidade e potencial dos proxectos entregados polos alumnos”. Ao mesmo tempo, convidou ao alumnado a “rematar as súas novelas para que oxalá moi pronto poidamos ter algunha delas nas nosas mans”, apuntou.

Aprender dos referentes

O Obradoiro de Novela Cidade da Cultura incluíu nove clases maxistrais sobre temas como o punto de vista e os xéneros narrativos, a estrutura e os tempos da novela, personaxes e diálogos, ou o mercado do libro e o mundo editorial.

Autores cunha traxectoria recoñecida tanto dentro como fóra de Galicia como Xabier Quiroga, Arantza Portabales, Miguel Anxo Fernández, Manuel Gago, Antón Riveiro Coello ou Diego Giráldez compartiron os seus coñecementos cos vinte participantes, fornecendo aos aspirantes a novelistas das ferramentas e recursos necesarios para levar adiante os seus propios proxectos literarios. O obradoiro contou tamén con especialistas do mundo editorial, que ofreceron as claves para comezar a súa andadura no mercado do libro.

Formación e intercambio de experiencias

A programación de actividades que fan fincapé na formación e no intercambio de experiencias, como este obradoiro literario ou o xa consolidado #EAN - Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura no eido das artes plásticas, confirman o Gaiás como un espazo multidisciplinar e aglutinador, propicio para a interacción cultural. Precisamente o EAN ten actualmente aberta a convocatoria da súa novena edición, cun formato xa consolidado no que teñen presentado os seus traballos preto de 600 creadores e creadoras. Ata o 28 de xuño, novos e novas creadoras de calquera disciplina artística poden presentar os seus proxectos para participar nesta residencia artística no Gaiás que terá lugar en agosto.

Comparte