Nova: Anxo M. Lorenzo asiste á conferencia sobre a obra de Bernardo de Brihuega no marco do Día Internacional dos Arquivos

05/06/2019
Anxo M. Lorenzo asiste á conferencia sobre a obra de Bernardo de Brihuega no marco do Día Internacional dos Arquivos
O relatorio correrá a cargo do profesor de lingua e literatura medieval da Universidade de Alcalá, Ricardo Pichel, quen achou dous fragmentos de ‘Vidas y pasiones de los Apóstoles’ no Arquivo Histórico Provincial de Ourense
Ourense, 5 de xuño de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu en Ourense á conferencia Bernardo de Brihuega, colaborador de Alfonso X en Ourense. Achado do testemuño máis antigo da súa obra, a cargo do profesor de lingua e literatura medieval de Universidade de Alcalá, Ricardo Pichel, no marco da celebración do Día Internacional dos Arquivos.
O relatorio xirará ao redor de dous fragmentos de Vidas y pasiones de los Apóstoles, un valioso manuscrito datado de finais do século XIII ou comezos do XIV, de Bernardo de Brihuega, que constitúen o testemuño máis antigo conservado desta obra e que foron achados por Pichel no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, lugar a onde se atopan expostos.
Anxo M. Lorenzo destacou a importancia dos arquivos na estruturación da sociedade da información e na preservación da memoria colectiva, motivo polo cal a Xunta de Galicia está a conmemorar e visibilizar o seu día internacional durante toda esta semana, aínda que a efeméride se celebrará o domingo día 9 de xuño. Neste sentido, o director xeral lembrou que o venres día 7 se inaugurará a mostra Patrimonio Industrial. Memoria e Cultura na Biblioteca e Arquivo de Galicia.